Esta fin de semana novamente as pistas do C.G.T.D. de Pontevedra contarán cunha intensa actividade atlética. Dende o sábado ás 9.40 h. ata o domingo as 15.00 h. desenvolveranse os Campionatos de Galicia de Aire libre Sub16, Sub14 e de Combinadas Sub16.
Nesta importante edición están inscritos/as un total de 681 atletas (358 mulleres e 323 homes) achegados e achegadas de todos os recunchos da nosa comunidade para tomar parte nesta gran cita onde a categoría femenina conta cun maior número de participantes.
Entre a relación de atletas destacados na categoría Sub14 salienta a presenza de Alex Sierpes do Trega quen tomará parte na proba dos 1.000 m. Antón Cillero do Riazor Coruña figura inscrito nas probas dos 80 m. e dos 150 m. sendo o concurso de peso onde contaremos ca presenza de Gema Dacosta do Vila de Cangas quen xa se impuxera na Final da Liga Abanca de pista cuberta deste ano.
No campionato de Galicia Sub16 contaremos ca participación de varios e importantes campións galegos de pista cuberta deste ano. Entre eles e dando comezo polo medio fondo e fondo saltarán sobre o tartán pontevedrés Jorge Vázquez do Marineda nos 600 m. e Ricardo Negrete do Ria Ferrol nos 1.000 m. sendo a principal atracción a presenza de Xela Martínez da Atlética Lucense quen correrá na proba dos 1.500 obstáculos logo de protagonizar unha extraordinaria tempada de pista cuberta que a levaría a batir o récord galego Sub16 dos 1000 m. con 2:53.60 e a tomar parte no Campionato de España absoluto de pista cuberta nos 3.000 m.
Nos valos, participación importante de Enma Sihuang do Franciscanos e Pablo Cudeiro do Ourense Atletismo
Xa nos concursos, e comezando polos saltos, novamente a lucense Enma Sihuang estará sobre a colchoneta de altura xunto ao campión galego de inverno Marcos Flecha do ADAS Proinor . Na pértega presenza dos campións Lisa Vosberg do AVA e Oscar Monteagudo da Gimnástica estando no corredor de lonxitude tanto Daniel Loureiro da Atlética A Silva como Nayr Cortegoso do Val Miñor. Rematamos os saltos con triplo onde seguiremos moi de preto as evolucións de Adriana Rial do Samertolameu e de Xoel Otero do Mazi
No círculo de lanzamento de peso contaremos cos atletas do Maderas Barcia Lourenzá Fernando Vallines e de Blanca Pereira do Ourense Atletismo inscrita tanto en peso como en martelo
No que atinxe ao Campionato de Galicia de Combinadas Sub16 poderemos seguir as evolución dos participantes Bran Núñez do A. Morrazo, Mario Vilar do Ames Atletismo, Miguel Veiga da Atlética Lucense, así como Irene Vázquez do A. Narón e de Marta Lázara do Atletismo Deza na categoría feminina.
Restriccións de acceso
Como ven sendo habitual o aforo de bancada será controlado e limitado a un total de 120 persoas, estando permitido o acceso só a un representante (que pode ser delegado,adestrador ou responsable) por cada club.
Para solicitar autorización de acceso deberase inscribir na seguinte ligazón que estará aberto ata as 14:00h do venres día 9 ou ata completar o aforo: