Chega toda a emoción do campo a través a As Pontes

O domingo día 3 de febreiro acontecerá no circuíto do Lago de As Pontes a disputa correspondente ó Campionato de Galicia Absoluto, Sub23 e Sub20 de campo a través individual e por equipos.

Esta edición viaxa ata o Concello de As Pontes logo de que nas últimas tres edicións fora Ribadavia o encargado de organizalo. Malia que xa se desenvolveron varias actividades e eventos deportivos de importancia, a celebración desta cita supón a estrea da vella mina na organización dun evento atlético destas características con serias aspiracións de continuidade no futuro.

Con esta cita, a nosa comunidade desenvolve o acontecemento atlético máis importante da tempada no que se refire ó cros e que terá a súa continuidade o vindeiro día 10 de marzo ca disputa do campionato de España da modalidade en Cáceres. Será precisamente os resultados acadados nesta edición, os que se valoren de maneira especial para poder formar parte da selección galega que compita en terras extremeñas.

Moita emoción e loita en todas as categorías

En canto a pronósticos, agárdase unha interesante loita polo título absoluto masculino entre Alejo Ares do ADAS Proinor, nun excelente estado de forma, e o actual campión galego da especialidade Manuel Hurtado da Gimnástica con permiso tanto de Rubén Díz do Ourense Atletismo como de Antonio Serrat medallista de bronce na edición do ano pasado.

Na categoría Sub23 non menos interesante presencia dos medallistas Sub20 do ano pasado Iván Puentes do C.A. Fene e César Otero do Olímpico de Vedra así como a do santiagués Borja Castro bronce nesta mesma categoría na edición pasada. Atención tamén a participación de Fernando Rial do Real Club Celta con 15:26 nos 5.000 m. do ano pasado.

Por último na Sub20 o atleta lucense Bilal Dahmouni, parte con serias papeletas para o triunfo sin esquecernos dos santiagueses  Arturo Rey, Roi Estévez ou Diego Alonso

Nas mulleres as a priori favoritas Leti Fernández do Valencia Esports e Paula Mayobre do Clínicas Dental Seoane Panpín, acuden moi tocadas polas súas respectivas lesións o que sen lugar a dúbidas fala do compromiso destas formidables atletas. Con este panorama todo parece indicar que tanto Esther Navarrete do F.C.Barcelona como  Sandra Mosquera do ADAS Proinor estarán na pelexa polo título galego desta edición. No resto de categorías as celestes Elena Costas e Ruth Carrera na categoría Sub20 posiciónanse para estar nos postos de honra ó igual que Inés Castaño e Iria Rodríguez da Gimnástica e Laura Santos do Lucus na Sub23.

Un campionato de prestixio para os clubs

De igual modo que se agarda un interesante campionato no individual, no apartado de clubs o ADAS Proinor parte ca difícil tarea de intentar reter o título tanto masculino como feminino acadado ó ano pasado. Para elo terá enfronte ós sempre aspirantes Sociedad Gimástica e Celta de Vigo ó que se lles pode sumar o Atletismo Santiago cuxos equipos veñen experimentando un notorio medre nas últimas edicións.

Un campionato en cifras

A Nivel estatístico salientar que o atleta que máis campionatos de Galicia de campo a través ten é a atleta Estela Estévez con oito (1982, 1984, 1986, 1988, 1989, 1990, 1991,1994).

Xa na categoría masculina tres atletas comparten esa distinción con seis títulos cada un:  Estanislado Durán (1978, 1979, 1981, 1982, 1983, 1985); Alejandro Gómez (1989, 1993, 1994, 1995, 1996, 1997) e Pedro Nimo ( 2005, 2006, 2007, 2008, 2013 e 2014)

Guía do Campionato

Compartir: