Exito da Coruña 10

Éxito de participación na sexta edición da Carreira Coruña 10 nun día excepcional para competir, o vento do día anterior foi amainando para gozar dunha mañá cos mellores atletas galegos, as novas promesas da comunidade así como un gran número de atletas populares que ano tras ano vanse sumando á cita na cidade herculina.
Ás 11 da mañá dábase o disparo á proba absoluta sobre unha distancia de 10 quilómetros, cun circuito xa coñecido por todos que permite bos rexistros a pesar da dureza do primeiro tramo. Na liña de saída os favoritos con distintos obxectivos, Manuel Penas, nun xesto que lle honra, non quixo perderse a cita coruñesa e a pesar de confesar que acaba de iniciar a tempada non dubidou en pelexar cos mellores. O favorito masculino, a priori e vendo a sensacional tempada que realizou, Alejandro Fernández, sen esquecernos a outros atletas destacados como Manuel Hurtado vencedor no medio maratón que se celebrou tamén en Coruña no mes de Maio. En canto ás mulleres un grupo de atletas de nivel destacado como Solange Pereira, Yolanda Gutiérrez ou Esther Navarrete xunto con mulleres que en probas de ruta alcanzaron resultados importantes como Patricia Mendes, vencedora na edición do ano pasado ou María Jesús Gestido.

Dende o inicio da proba, nos primeiros 500 metros que levaban cara á zona de Porta Real, os favoritos colocábanse nas primeiras posicións. Á altura do Castelo de San Antón, antes de empezar a zona máis dura do percorrido, fórmase un grupo de homes con Alejandro Fernández, Manuel Hurtado, Manuel Penas, Ivan Docampo e Carlos Villamor entre outros. Nas mulleres sucede algo similar indo nos primeiros quilómetros agrupadas as favoritas, observándose unha actitude valente por parte de Esther Navarrete que impón un ritmo forte distanciándose uns metros de Yolanda Gutiérrez, por detrás María Jesús Gestido intenta non descolgarse.
A calor pouco a pouco convertíase no maior inimigo de todos os atletas participantes, na cabeza, nas proximidades da Torre de Hércules Alejandro Fernández e Manuel Hurtado, ambos os dous do Ourense Academia Postal lograban uns metros de distancia. En mulleres Yolanda Gutiérrez buscaba as costas de Esther Navarrete para intentar manter o seu ritmo, o duelo entre a atleta do Comesaña Sporting Club e a do Atletismo Femenino Celta foi continuo ao longo dos 10 quilómetros. No quilómetro 5 Alejandro Fernández pasa a 15.23 o que auguraba un bo rexistro, recordamos que fai 15 días este mesmo atleta no Campionato Galego de 10 km en Ribeira lograba a vitoria con 30.06 por diante do que nesta ocasión volvía ser o seu rival máis forte, Manuel Hurtado. Pouco a pouco a loita polo terceiro posto faise máis patente, Ivan Docampo e Carlos Villamor inician a súa guerra particular, por detrás un grupo entre os que se encontra Lolo Penas, José Antonio Ramallo e Rubén Caamaño. A falta de menos de 2 quilómetros Alejandro logra uns metros de vantaxe sobre un sensacional Manuel Hurtado, cruzando a meta o primeiro nun tempo de 30.40 e o segundo 30.53, finalmente o bronce foi para Ivan Docampo que lograría unha vantaxe de 20 segundos sobre Carlos Villamor, ambos os dous da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. En mulleres, Yolanda Gutiérrez coa vista posta no Maratón de Amsterdam, logrou baixar dos 36 minutos, facendo un tempo de 35.57. Esther Navarrete lograba un merecido segundo posto, primeira atleta da categoría promesa, con 36.12 e terceira sería María Jesús Gestido con 36.55, tras elas mulleres importantes como Patricia Mendes, Soledad Castro e Leticia Fernández. O primeiro atleta promesa, foi Iván Cánovas do A.D Maratón, mentres que en categoría júnior vencerían Sergio Rodríguez e Sara Mera.
Ás 12.30 dábase a saída á proba de 4 quilómetros nos que competirían atletas da categoría xuvenil, cadete e infantil. Curiosamente o vencedor da proba sería un atleta cadete, dunha calidade incuestionable, Tariku Novales do Club Atletismo Noia que vencía a proba sen oposición. En categoría xuvenil o vencedor foi Gabriel Monterroso da Sociedad Gimnastica de Pontevedra e en infantís Pablo Monteagudo. En canto ás rapazas competiron atletas destacadas do noso atletismo que inician a tempada con probas en ruta, como é o caso das medallistas en Campionatos de España Claudia Rojo ou Uxía Pérez. Na categoría xuvenil a vencedora foi a especialista en 400 metros lisos Eugenia Gil, en categoría cadete Uxía Pérez que este ano xa acreditaraunha marca de 10.21.73 en 3000 metros lisos en pista e 2.58 no 1000 venceu sen oposición nesta proba, en categoría infantil a primeira atleta en cruzar a meta foi Iría Rodríguez do Atletismo Porriño.

Os atletas das categorías benxamín e alevín tiñan que dar unha volta ao circuíto, fixéronse dúas series dividíndoos por edades, importante participación de atletas dos clubs locais e vitorias para Helena Torreiro e Ermias Fernández en categoría alevin e Natalia López e Gabriel Núñez en benxamíns. A xornada remataba coa proba “reina” os 150 metros lisos da categoría pitufos, na que se congregaron aproximadamente 300 nenos/ás menores de 7 anos, en moitos casos acompañados dos seus pais e que de forma organizada foron separados en varias carreiras co único obxectivo de cruzar a meta e gozar dunha carreira deportiva.
Ano tras ano Coruña 10 aumenta o número de participantes ao igual que o numero de afeccionados ao deporte que se congregan nas céntricas rúas da cidade herculina para apoiar a todos os atletas, a resposta destes sobre o asfalto é incondicional ao igual que a dos mellores fondistas galegos que sempre ofrecen un rendemento destacado nun bo circuíto e que a pesar da calor lles permitiu na mañá do domingo lograr rexistros importantes. FOTOS
Resultados: Absolutos Menores

Compartir: