O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista
Antón Bao, presentou esta mañá a I Copa Deputación de Atletismo, acompañado do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e do seu delegado en Lugo, Xosé Manuel Pino. O torneo
disputarase en tres xornadas diferentes, os días 9 de abril, 22 de maio e 2 de xullo e está aberto á participación de calquera atleta galego individual federado, atletas de clubs pertencentes a
Galiza, atletas con ficha da Federación Galega de Atletismo pero pertencentes a clubs doutras partes do Estado, e atletas non galegos ou estranxeiros convidados expresamente pola FGA.
Segundo explicou Antón Bao, froito da colaboración para a organización da Federación Galega de Atletismo e o patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, xurdiu esta I Copa Deputación de
Lugo de Atletismo, unha proba que “permitirá que os atletas disputen en Lugo probas con xuíces oficiais, polo que as marcas que acaden estarán homologadas e será un importante test final de
tempada”. Pero ademais, o vicepresidente da Deputación anunciou que “mañá a Deputación aprobará en Xunta de Goberno a adxudicación da construción do módulo cuberto de atletismo por 1,2 millóns de
euros, polo que se cumpren os prazos marcados e xa se dá o paso definitivo para executar unha obra que ten un tempo de execución de catro meses”. A cantidade total que corresponde á execución do
proxecto é sufragada integramente pola Área de Deportes da Deputación de Lugo, que constrúe a infraestrutura en terreos cedidos polo Concello de Lugo.
Pola súa banda, Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, explicou que esta proba é posíbel grazas ao esforzo da Área de Deportes da Deputación “que sempre estivo ao lado do
atletismo en todas as situacións que llo solicitamos”. Como mostra, Isidoro Hornillos falou de que “pese a non poder acudir persoalmente á presentación do proxecto da pista cuberta de atletismo por
motivos persoais, quero agradecer hoxe o compromiso da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo por sacar adiante a construción dunha pista cuberta de atletismo que albergará probas oficiais
e que será un referente non só en Lugo, senón tamén en Galiza, onde había demanda dunha infraestrutura deste tipo”