As pistas de atletismo de Balaídos acolleron o domingo a I Xornada de
inverno en pista, cunha importante participación de atletas de diferentes puntos de Galicia, na que supón unha das primeiras oportunidades para realizar as marcas mínimas esixidas nos distintos
campionatos ou simplemente comprobar o estado de forma.
Nunha mañá soleada, pero cunha pista moi pesada debido as copiosas choivas caídas os días anteriores, non se rexistraron grandes marcas, pero bastantes atletas conseguiron o pase aos nacionais das
respectivas categorías. Como xa vén sendo habitual, Virginia Villar (Pto de Alacante) destacou sobre os seus rivais en 60m valos, cun tempo de 9.07, mínima para o Campionato de España absoluto a
celebrar en Valencia en febreiro. En categoría xuvenil, Antía Martínez(SGP), gañou con 9.84 e correu a absoluta en 9.98.
Destacar o nivel dos atletas célticos na proba de 800m masculino, cunha disputada chegada entre os irmáns Porto, seguidos de Erik Calvo, tras unha carreira na que Ismael Costas imprimiu un forte
ritmo facendo de lebre.
O 3000m dominárono os irmáns Fernández Barbosa, os tudenses do Ourense Academia Postal. Clara vitoria de Leticia, 10.21.1, mentres que Marcos realizaba un tempo de 8.59.1 na súa proba. A lonxitude
feminina estivo protagonizada por Ana Peleteiro e Lucía Pérez Currás, 5.13m e 5.07m respectivamente. Nos homes, Iván Rodríguez Maceiras de Suárez Marquier foi o único en superar os seis metros,
6.05m. Víctor Galego (SGP) lanzou o peso a 14.88m e a atleta do Feminino Celta, Elena Estévez, 11.25m. Entre os cadetes, Iria Forján, do Barbanza, correu 300m en 45,76 e Alberto Freire (AVA) fixo
un tempo de 40.69. A xornada finalizou con varias series de 200m, nas que Sergio Rodríguez Teixeira (Coruña Comarca) destacouse con 22.79, do mesmo xeito que Esperanza Caldas, do Ría de Ferrol,
26.53 e Jessica Rial, do Barbanza, 26.87 Resultados