De sobresaínte foi a actuación dos atletas galegos no Campionato de España Xuvenil celebrado nesta fin de semana pasada. O galegos acadaron un total de 8 medallas: 4 medallas de ouro, 1 de prata, e 3 de bronce. Belén Toimil (Sierra Narón) foi a gran protagonista da xornada ao facerse con dúas medallas de ouro nas probas de disco (cunha marca de 37.71m) e peso (12.70 m). Este metal tan preciado tamén foi acadado pola atleta do Barbanza Lidia Parada (ADB) na proba de xavalina (43.08 m), Campiona de España de xavalina por segundo ano, e pola lucense Alicia Merino, ouro no exathlón feminino (3726 ptos) que era escoltada no podium pola galega Sonia Beceiro (Sierra Narón) (3627 ptos) acadando esta última a medalla de bronce. Ambas marcas destas atletas superaron o anterior record galego establecido dende o ano 1980 pola atleta María José Gregorio Tomé (3571 ptos). Bronce tamén para Paula Ferreirós (Lucus) que remataba na proba de salto de altura en 3ª posición cun salto de 1.63 e Jessica Rial (ADB), terceira nos 400 m.v. cun tempo de 1.03.26, atleta do barbanza que sen dúbida algunha será unha gran promesa nos valados. No trocante á medalla de prata, foi o xoven atleta do San Miguel de Oia, Gonzalo Basconcelo (6´08´´44)quen logrou rematar a proba dos 2000 metros obstáculos en segunda posición. Asemade, houbo tamén numerosos cuartos e quintos postos, así como postos de finalistas, o que continua a demostrar a gran potencia de Galicia non só no relativo ao nivel dos atletas absolutos senón tamén das xóvenes promesas. Resultados Actuación galega