Resultados

Presentado o “I Trail Laxe dos Bolos” en Caldas de Reis

No día de hoxe levouse a cabo a presentación no Concello de Caldas de Reis do I Trail laxe dos Bolos. Trátase, segundo explicaron hoxe o Tenente de Alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña e o representante da Federación Galega de Atletismo Iván Sangiao, dunha carreira en plena natureza que será, ademais, proba oficial no calendario ITRA –a axenda internacional de carreiras de trail running-, e puntuable para o ranking galego, polo que estarán presentes as mellores deportistas da especialidade no país.

A proba terá tres modalidades, a primeira será o ‘Desafío Xiabre’, de 27 quilómetros de lonxi­tude e un desnivel de máis de 1.500 metros de ascenso, que será a proba oficial para a cate­goría absoluta.

Segundo explica Sangiao, a nivel deportivo este trail é singular porque conta cuns primeiros quilómetros de saída e de chegada sen moito desnivel, o que deixa a parte neu­rálxica e central no Xiabre con bastante dureza e intensidade: “Iso vai poñer a proba a todas as persoas deportistas. Na parte central é onde se vai concentrar a maior dificultade técnica da proba, polo tanto máis será máis lenta e vai obrigar a cada deportista a escoller a súa estratexia, ser máis rápidos ou máis técnicos”. Outro dos elementos diferenciadores desta proba será que ten ascensos e baixadas por zonas de laxes, rochas moi lambidas, e terreo moi solto que van di­ficultar o paso das deportistas.

A segunda modalidade é o ‘Trail Santa María’, que compartirá parte do percorrido coa anterior, pero cunha saída máis tardía. Ten oito quilómetros de lonxitude e uns 350 metros de desnivel, percorrendo os montes de Santa María e a zona de Segade. Trátase dunha proba aberta tamén para absolutos, pero oficial de ranking para as categorías menores, dende sub 16 ata sub 20. Fi­nalmente, a última modalidade é a de ‘Andaina popular de Segade’, que terá o mesmo percorri­do que a anterior, e na que poden apuntarse todas as persoas que o desexen.

O Tenente de Alcalde Manuel Fariña destacou que o ‘Trail Laxe dos Bolos’ é unha grande proba deportiva coa que se quere situar Caldas de Reis como unha localidade de referencia neste de­porte, que conta cada vez con maior afección, número de deportistas e un maior nivel. “Cremos que Caldas é un concello coa entidade suficiente para acoller probas deportivas de grande cate­goría como o ‘Trail Laxe dos Bolos’”, salientou.

Explicou que ademais de atraer deportistas, tamén se busca dende o Concello “poñer en valor puntos tan fermosos como a Contorna de Segade ou o Monte Xiabre, absoluto descoñecido dentro do propio municipio, ao que queremos sacar todo o partido que poidamos para facer de Caldas un concello de referencia dentro do mundo dos deportes de montaña e tamén para o tu­rismo de natureza”. A proba, de feito, pasará a carón do río Umia e chegará ao alto de Xiabre,

dende onde se pode observar en toda a súa plenitude a ría de Arousa, pasando por un santuario icónico como o da Laxe dos Bolos, cun dos petróglifos máis importantes de Europa.

Pola súa banda, o responsable da Federación Galega de Atletismo destacou a calidade do itine­rario tanto longo como reducido. “En 8 quilómetros percórrense case todos os monumentos na­turais do monte de Santa María, pásase pola ponte romana de Segade, pola fervenza e os muíños, e logo remátase á beira do río Umia en zona do Camiño de Santiago. Creo que de todas as probas que hai en Galicia en ningunha se consigue reunir en tan pouca distancia tanta beleza cultural e paisaxística”.

Por todo isto, ambos mandatarios fixeron unha chamada a tomar parte da iniciativa tanto a de­portistas como persoas que gocen do contacto coa natureza, prevendo chegar a unha asistencia de medio milleiro de participantes. No día de hoxe abriuse a inscrición en todas as modalidades na web carreirasgalegas.com, cun prezo reducido ata o 5 de abril de 7 e 16 euros para a modali­dade curta e longa respectivamente.

Ao apuntarse na proba terase dereito a participar na carreira, ao seguro de accidentes, ao co­rrespondente avituallamento (no alto do Xiabre para a proba longa e na meta en Santa María para o resto), así como a un pequeno agasallo para todas as persoas participantes. Tamén se pode acceder directamente á plataforma de inscrición desde os códigos QR existentes nos car­taces distribuídos no comercio e entidades da vila de Caldas e do resto de Galicia.

Compartir: