Dazasete medallas nacionais para o atletismo galego nesta fin de semana

Un total de dazasete medallas foron as que as nosas e nosos atletas lograron esta fin de semana nos distintos Campionatos de España disputados en Zaragoza, Sabadell, Lorca, Jaén e Castellón.

Boa colleita de metais

No campionato de España de lanzamentos longos, por fin Carmen Sánchez pode presumir dun título nacional logo de cinco pratas e catro bronces. A lanzadora mandaba a xavelina en Jaén ata os 53.93 que lle daban o tan pelexado e merecido título. No mesmo concurso a cubana-galega Yulenmis Aguilar (que se atopa en trámites para a súa nacionalidade) lograba un lanzamento de 63.90 m. que supoñen a mellor marca mundial do ano.

No campionato de España de lanzamentos longos pero da categoría máster disputado en Lorca, os nosos representantes voltaron con seis metais. Javier Viteri do Samertolomeu lograba os títulos nos concursos de disco e xavelina na categoría M60 ao igual que Ángeles Rodríguez de A Silva quen facía o  propio na categoría M65 con xavelina e martelo pesado. Completaba a actuación máster Elisabeth Pazo do Samertolameu cos metais de prata e bronce na M50 en xavelina e martelo respectivamente.

No campionato de España de marcha por federacións, á nosa selección colleitaba os mellores postos cas actuacións dos equipos Sub20 quenes lograban un quinto posto en ambas categorías. A nivel individual sen lugar a dúbidas foi Aldara Meilán quen acaparaba todas as atencións ao lograr o triunfo na proba dos 10 Km. cun rexistro de 45.04. A internacional lucense da Escola Atlética, lograba con esta extraordinaria marca un novo récord galego que supón a segunda mellor marca da historia a nivel nacional e de paso, a mínima para tomar parte nos mundiais Sub20.

Continuando ca ruta, ata Castellón viaxaron dous atletas galegos a tomar parte no nacional de maratón máster sendo Santiago García do Burgas Ourense., quen conseguía o metal de bronce cun rexistro de 2h.41:52 na categoría M45.

Outro dos puntos de atención importantes da fin de semana estivo centrado na pista curta de Sabadell, onde se estivo levando a cabo o Campionato de España Indoor Sub18 con notable presenza galega. Nesta edición, os nosos e nosas atletas voltaron cun total de oito metais destacando de maneira en especial as probas de medio fondo e fondo.

Na carreira dos 800 m. unha extraordinaria Celia Castro lograba o título nacional con 2.12.06 sendo pola súa banda na mesma distancia bronce Javier Picos do Marineda en homes con 1:53.54. A imaxe curiosa chegaba procedente do podio dos 1500 m. no que tanto Amparo Correidoira da Atlética Lucense con 4:34.82 como Eva Rouco do Lucus establecían a mesma marca (incluso ata a súa aproximación ás milésimas) o que as levaba a compartir o terceiro caixón.

A proba dos 3.000 m. deparaba a maior das alegrías para os intereses galegos xa que tanto Sabela Martínez da Gimnástica con 9:56.97 como Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural con 8:38:69, efectuaban unha extraordinaria final que lles permitía proclamarse campións de España nunha distancia con eminente color galego.

No mesmo campionato, os concursos deixabánnos dúas novas medallas de bronce da man de Iria Solera da La Purísima en altura con 1.67 m.  e de Eloy Acuña da Gimnástica sobre o círculo de peso con 15.16 m.

Compartir: