O atletismo vigués únese para reclamar instalacións dignas

Todos os estamentos atléticos da cidade estiveron representados na asemblea informativa que tivo lugar o xoves 16 nas instalacións federativas da rúa Luís Ksado. A alarma saltou ante a conxelación do proxecto de mellora das pistas de Balaídos que Xunta e Concello asinaran o pasado mes de decembro. A resposta de atletas, adestradores e clubs foi inmediata, xa que consideran que é imprescindible unha reforma profunda das instalacións. Unha reforma aprazada unha e outra vez, a pesar de que Vigo demostrou sobradamente logros deportivos e un capital humano merecedor de algo máis que as actuais instalacións.
O concelleiro de Deportes do concello de Vigo, Xabier Alonso e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, foron os encargados de explicar a situación. Adestradores de prestixio nacional como J. M. Hermida e Angel Serantes deixaron claro que as condicións do ximnasio ou os vestiarios son terceiromundistas. Ramón Magariños, atleta olímpico nos sesenta, fixo fincapé na débeda histórica que arrastra o atletismo vigués sinalando que esta ocasión debe ser xa a definitiva.
Desta reunión saíu unha comisión que foi recibida ao día seguinte polo Secretario Xeral, José Ramón Lete, formada por Xabier Alonso (Concello de Vigo) e Isidoro Hornillos (FGA), ademais de José Anxo Serantes (AVA) e José Luís Domínguez (Celta Atletismo), por parte dos clubs; o presidente da Delegación de Vigo, Eleuterio García e Hipólito Sousa, o seu director técnico e Óscar Fernández, representante de atletas.
A polémica vén dada porque para a Xunta, segundo explicou o Secretario Xeral, José Ramón Lete, só se asinou un protocolo, e a firma definitiva nunca chegou a producirse, xa que á espera de cumprir os prazos, houbo eleccións e substitución ao mando da Xunta, polo cal o acordo non ten validez legal. E iso supón empezar de cero unha negociación para conseguir algo que xa parecía próximo. En principio, ambas as partes recoñecen a necesidade de dotar a Balaídos dun novo ximnasio e vestiarios, así como un módulo cuberto que inclúa unha recta de 110m, homologable.

Compartir: