Un total de 10.213 licenzas son as que ata o día de hoxe, están tramitadas na Federación Galega de Atletismo, o que representa unha consolidación ao medre das últimas tempadas, tan só ralentizadas durante o ano 2020 por mor da crise sanitaria.
En concreto o número de licenzas femininas é de 4.615 o que representa un porcentaxe do 45,18% polos 5.598 das masculinas e o 54,81% do total, que colocan ao deporte femenino a unha diferenza de 9 puntos. Este dato, malia que importante, apunta a un salientable recorte nos últimos anos como así o demostra o feito de que no ano previo a pandemia, o 2019, a diferenza fora de algo máis de 12 puntos.
No apartado de xuíces, as distintas campañas levadas a cabo polo Comité Galego de Xuíces de organizar cursos, está dando os seus froitos xa que un total de 232 xuíces son os que contan con licenza este 2023 o que representa un incremento do 10,34% en relación ao seu número de 2022.
Por último e ca posta en funcionamento por parte da FGA da primeira promoción do Ciclo Inicial de Grao medio en Atletismo do CEAGA (Centro de Ensino do Atletismo Galego), o apartado formativo de adestradores verase notablemente reforzado no que se considera un dos eixos prioritarios de atención para este periodo. Con todo elo, neste 2023 son 131 os adestradores e adestradoras quen contan con licenza federativa, representando este número un incremento do 3,14% con respecto ao mesmo periodo do ano pasado.