Novamente as pistas universitarias de Santiago darán acollida esta fin de semana unha interesante edición autonómica do Campionato Xunta de Galicia da categoría Sub20.
Nela están chamados a participar máis de 250 atletas que estarán loitando polos postos de podio do campionato, así como por acadar as mínimas de participación para o nacional da categoría que se desenvolverá en Soria o vindeiro 22 e 23 de xullo.
Importante presenza de atletas internacionais
Na relación de participantes, destaca a presenza da internacional e plusmarquista galega dos 100 m. Ainhoa Repáraz do Val Miñor a quen veremos tomar parte tanto nos 100 como nos 200 m. Alba Cuns do Playas de Castellón, será outro dos referentes do campionato galego sobre o concurso de triplo salto no que parte como indiscutible favorita.
De igual modo no círculo de peso e disco estará a subcampioa de España do ano pasado Xiana Lago do Ria Ferrol quen estará lanzando ao igual que a internacional Blanca Pereira, do Ourense Atletismo no concurso de martelo. As especialistas en combinadas, e tamén medallistas nacionais, Lucía Sánchez da Atlética Lucense e Carlota Salgado do Celta, porán a proba a súa preparación neste periodo da tempada.
Especial atención á participación destacada de varias e varios dos medallista nacionais de aire libre e de pista cuberta como o caso de Isabel Caeiro da Gimnástica de Pontevedra nos 3.000 m.; Emma Sihuang Pérez da Atlética Lucense en altura; Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá en peso e Nicolás Ortega do Atletismo Sada en disco.
Outros dos atletas importantes que poderemos ver nas pistas Universitarias preparando as súas postas a punto para o nacional serán, Xoel Otero do Mazí sobre o triplo, lonxitude e os 110 valos; David Vicente do Playas de Castellón nos 110 valos e Pedro Vázquez do Celta nos 1.500 m.
Por último non perderemos de vista aos medallistas do último galego absoluto: David García do Atletismo Santiago en altura; Paula Noya da Atlética A Silva nos 400 m; María Ouréns do Atletismo Sada nos 400 valos, e as atletas Beatríz López do Riazor Coruña e Nadia Lía do Val Miñor nos 800 m.
Reformas nas bancadas do Estadio Universitario
No día de onte a Universidade de Santiago informaba da acometida inmediata dunha serie de reformas que afectan as bancadas cubertas do estadio deportivo e que impedirán o seu emprego. Por este motivo, todas aquelas persoas que desexen presenciar o campionato, poderán facelo ocupando a parte posterior da varanda que rodea á pista en todo o seu perímetro.
Foto de Fotocarlosgrafias