Resultados

As Copas máster viaxan a Sada

O Club Atletismo Sada resultou gañador esta fin de semana en ambas categorías da Copa de Clubs máster por equipos que se levou a cabo nas pistas do CGTD de Pontevedra.

O equipo de As Mariñas sumaba na clasificación feminina uns emocionantes 78 puntos polos 77 do Samertolameu no que ven converténdose en todo un clásico nos últimos anos pola súa igualdade e alternancia. O Clube Deportivo de La Purísima acadaba o terceiro posto da clasificación xeral seguidas de Ourense Atletismo e A Silva.

Os triunfos parciais para as sadenses corresponderon a Montse Fernández nos 100 m.; Angeles Ripoll nos 1.500 m.; Inés Papín nos 3.000 m.; Tania Valverde na lonxitude; Helena Rey en peso; Loreto Brea en martelo; Emilia Rodríguez nos 3.000 marcha, así como a do equipo de relevos 4×100 m.

Na categoría masculina foi algo menos axustado o triunfo do conxunto sadense que conseguía impoñerse ao segundo clasificado, o Atletismo Santiago, por unha marxe de nove puntos ocupando a terceira posición o Samertolameu a tan só un dos santiagueses. Seguiron por orde de posición C.A.Narón, Marineda At., Atlética A Silva, La Purísima e Ourense Atletismo.

Foron victorias sadenses as protagonizadas por Francisco Jiménez na lonxitude e Fernando Míguez en triplo.

Cinco récords galegos

A nivel individual cabe salientar os récords galegos logrados por Marta Sureda (Lucus) no martelo W50 con 32.73 m.; Emilia Rodríguez  (C.A.Sada) nos 3.000 marcha W45 con 16:20.41; José Cobian (R.C.Celta) na pértega M45 con 3.90; Carlos Alvarez (Samertolmeu) en altura M60 con 1.60 m. e Nuria Jones (La Purísima) no triplo W55 con 8.37 m. e Manuel Polo nos 3000 marcha con 14.21.93 – M50

Compartir: