Por Emérito Valiente
A 36ª edición do ‘Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns A Coruña Trofeo Sergio Vázquez’ disputarase no día de hoxe e será a primeira vez que se celebre ca ausencia do seu impulsor, falecido o pasado 7 de xullo, tras toda unha vida ao servizo do deporte galego.
Que mellor para honrar a súa memoria que o concurso dos mellores marchadores do mundo sobre o emblemático circuíto dun quilómetro baixo a atenta mirada do Obelisco nesta competición, declarada Patrimonio da Humanidade en 2019 por World Athletics, a cuxo circuíto de marcha pertence coa máxima categoría ‘Gold’.
Durante unhas horas a sede da ONU trasládase a terras galegas, con marchadores procedentes de nada menos que 25 países.
María Pérez e Jiayu Yang, as dúas plusmarquistas mundiais fronte a fronte.
Non por cortesía, senón por méritos propios, iniciamos o relato coa proba feminina e é que quen se achegue ao circuíto ás 17h poderá gozar do espectacular marchar de María Pérez, a flamante plusmarquista mundial dos 35k. (2:37:15) e vencedora da Copa de Europa por nacións apenas hai dúas semanas en Podebrady; a actuación alí da atleta de Orce cabe cualificala de histórica, cunha estatística que avala esa consideración: tras uns primeiros compases tranquilos e centrada en executar unha boa técnica, a discípula de Jacinto Garzón desatouse ata o punto de realizar os postremeiros 20 quilómetros – desde o 15 ata a meta- …nuns estratosféricos 1:28:23, unha marca de relumbrón para calquera especialista nesa distancia, como demostra o feito de que apenas catro dos seus rivais do sábado conseguiron mellorar ese crono nos dous últimos anos e que ela mesma só marchou máis rápido en catro ocasiones; así as cousas, e tendo en conta que María, que portará o dorsal número 1, probablemente marchará sen especial frescura tras a súa titánica proba de 35kms disputada apenas 13 días antes, antóllase complicado imaxinar que María non este loitando polo seu primeiro triunfo en Cantóns e é que…si, pódese ser plusmarquista mundial de 35kms, ademais de campioa de Europa 20, líder mundial do ano e non haber aínda gañado en Cantóns, tal é o nivel da proba.
O elenco de adversarias cualificadas é extenso, pois estarán en Cantóns as dúas marchadoras que relegaron a María á terceira posición o ano pasado: a chinesa, tricampióna/tricampioa en Cantóns Shenjie Qieyang, que defende título, e a peruana Kimberly García, que asombrou o ano pasado cun espectacular dobrete no Mundial de Eugene, levándose dous ouros, algo que, lamentablemente, será imposible de repetir en anos vindeiros; Qieyang foi segunda en Rio Maior fai catro semanas, só superada polo súa compatriota Jiayu Yang, plusmarquista mundial desde 2021 con 1:23:49 e segunda mellor marca mundial este 2023 tras María con 1:26:41; Yang venceu de forma contundente no Gran Premio de Marcha de Madrid sobre 10K ao seu compatriota Quanming Wu e que tamén será da partida: pola súa banda, García, 29 anos, bateu o pasado 25 de marzo o récord do mundo de 35km con 2:37:44, ese que apenas lle durou 57 días, pero nos 20kms non atopou aínda o ‘golpe de pedal’ que a encumbrou en Eugene; cuarta en Rio Maior con 1:29:31, é máis que previsible que a peruana demostre o sábado os seus progresos de fronte ao Mundial de Budapest.
A mexicana Alegna González, terceira nos 10K de Madrid será tamén unha firme aspirante ao caixón; outro peso pesado será Liu Hong, xa 36 anos, que batese neste circuíto a plusmarca mundial en 2015 con 1:24:38; a ¡catro veces! campioa do mundo da especialidade marcou este ano 1:27:35, ademais duns máis que notables 2:38:42 nos 35kms, e deberá estar inmersa na feroz loita polos tres postos de pódium.
A potente escuadra chinesa tamén inclúe a Liujing Yang, bronce en Doha 2019, que marchou este ano en 1:28:51, aínda que pertence ao selecto grupo de ‘sub 1:26’ desde 2021 e a Li Ma, 1:28:04 en 2022. Será moi interesante ver que nivel demostra a ecuatoriana Glenda Morejón, que asombrou ao mundo, precisamente en Cantóns, en 2019 cando bateu o récord do mundo sub-20 cuns espectaculares 1:25:29, aínda que despois estivo sempre lonxe dese nivel marcando 1:29:37 este ano. Ademais de María Pérez, marchará gran parte da nosa elite, empezando por Raquel González, terceira en Cantones alá por 2013 e recentemente segunda en Podebrady nos 35kms. Antía Chamosa, que foi a mellor española sobre 20kms alí con marca persoal de 1:31:24 para ser sétima, Mar Juárez e Cristina Montesinos, flamante terceira sobre 35kms na Copa de Europa tamén loitarán para acabar no ‘top-ten’ das 84 participantes.
Álvaro Martín a confirmar o seu doce momento diante de moitas esixencias e rivais.
Na vertente masculina, o nivel que presenciarán os afeccionados a partir das 19h tamén será conspicuo; para abrir boca, estará en liza, entre os 115 participantes, o pódium do ano pasado, composto por Álvaro Martín, que tamén lucirá o dorsal número 1, Diego García e o brasileiro Caio Bonfim; o estremeño, entre exame e exame de leis, buscará impoñer a súa e completar un ‘hat trick’ de prestixiosas vitorias en Cantóns, tras os seus triunfos en 2017 e 2022 e, tendo en conta o estado de forma que exhibiu en Podebrady, onde gañou con autoridade e bateu o récord de España de 35km con 2:25:35, debe ser considerado como un dos principais aspirantes ao primeiro posto; pola súa banda, Diego non rendeu todo o ben que sempre se espera del nos seus dúas últimas citas, 10K de Madrid e Copa de Europa en Podebrady, pero o madrileño está en forma, como demostrou hai un mes por diante de Álvaro nos 10.000 m do campionato de España Universitario celebrado en León cun gran crono de 39:13.43; ademais, Cantones é a súa proba fetiche, erixíndose en gañador en 2021 e establecendo aquí a súa mellor marca persoal, 1:18:58, en 2019.
As súas respectivas marcas persoais deste ano (1:21:42 Diego e 1:21:44 Álvaro) deberían saltar polo aire o sábado;
Bonfim, bronce no Mundial de Londres 2017, pasa por ser unha aposta segura en calquera competición. Certo é que case nunca gana, pero é un asiduo do pódium; tanto en Madrid (39:03) como en Rio Maior (1:19:46) foi segundo e relegalo a posicións secundarias será tarefa nada doada para os seus rivais, entre os que destaca o ecuatoriano Brian Pintado, sólido gañador en Rio Maior con marca persoal de 1:19:05 e que xa olfateara ambos os pódiums (4º en 35kms e 5º en 20kms) no Mundial de Eugene o pasado exercicio, mentres o seu emerxente compatriota David Hurtado, que asinou os seus dúas mellores marcas este ano cuns espectaculares 1:18:45 en Taicang anhelará mellorar o seu cuarto posto do ano pasado. O continxente asiático engade cantidade e calidade á proba herculina, cun bo puñado de marchadores que descenderon nalgunha ocasión de 1:20; o chinés Jun Zhang preséntase en Cantóns como líder mundial do ano grazas á súa 1:17:38 conseguido en Taicang en abril pero en Rio Maior non pasou do 12º posto, o que lanza certas interrogantes sobre que versión presenciaremos en Cantóns. Estará acompañado por Li Xingfu (1:19:52), Liu Xing (1:19:58) e Wenchao Niu (1:19:59) mentres por parte do país do sol nacente sobresaen Yuta Koga (1:19:19) e Yutaro Murayama (1:19:25), pero a lista de candidatos ao caixón é aínda máis extensa: entre os nosos, ademais de Álvaro e Diego, serán da partida Alberto Amezcua e Paul Mc Grath, que completaron grandes actuacións en Podebrady liderando a prata española alí con respectivos cronos de 1:20:24 e 1:21:15, marca persoal para Mc Grath e nunca hai que obviar a presenza dun ilustre como Miguel Ángel López, aínda que está xa máis enfocado nos 35kms; o mesmo aplica para o alemán Christopher Linke, 1:21:00 esta tempada, prata no Europeo de Munich sobe 35km por detrás de Miguel Ángel. Os carísimos récords de Cantóns pertencen ao xaponés Toshikazu Yamanishi, vixente campión do mundo e bronce olímpico, que voou en 2019 (1:17:41) e a chinesa Liu Hong, coa entón (2015) plusmarca mundial de 1:24:38.