Galicia logra once medallas nos mundiais máster de inverno

Ata a localidade polaca de Torun viaxaron un total de dez galegos e galegas co obxectivo de tomar parte nos Campionatos do Mundo de pista cuberta máster que se viñeron disputando desde os días 26 de marzo ata o 12 de abril.

Os resultados non poideron ser máis satisfactorios xa que a expedición galega voltaba cun total de dez medallas das cales tres foron de ouro, catro de prata e tres de bronce.

Novamente tanto Esther Pedrosa na categoría M60 como Juan Manuel Morales na M40 foron os galegos máis destacados logrando entre ambos un total de seis metais. En concreto a santiguesa impúxose na proba dos 1.500 m. con 5:32.29 logrando as pratas nos 800 m. con 2:58.53 e nos 3.000 m. cun tempo oficial de 11:36.33. A maiores tamén tomaba parte na proba de relevos dos 4×200 na que lograba o bronce. Para o coruñés do Marineda Atlético, o título de campión mundial M40 veu na proba dos 10 km. marcha cun rexistro de 43:38 logrando o subcampionato nos 3.000 m., tamén na modalidade de marcha, cun crono oficial de 12:03.22, ambos récords de Galicia da súa categoría.

Pablo Fervenza na categoría M70 lograba un ouro por equipos na proba de media maratón e unha prata sobre a mesma distancia no apartado individual. Pechaba o seu fantástico campionato, cunha prata sobre a proba dos 10 Km. con 41:18. María de los Ángeles Rodríguez  de A Silva facía no propio ao conseguir na proba dos relevos 4×200 un metal de bronce por equipos non sen tempo de lograr a quinta posición en xavelina, oitava en pentatlón e décimo segunda en disco.

O último dos metais para a representación galega foi parar as mans de Tania Valverde do ADAS CUPA no foso de lonxitude no que lograba a medalla de bronce na categoría F35 cun mellor salto de 5.35 m.

Compartir: