Na Casa do Concello de Ames tivo lugar a presentación do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, que se celebrará o vindeiro domingo 5 de febreiro, no circuíto da travesía do Porto, no parque empresarial Novo Milladoiro.
A este acto acudiron o presidente da Federación Galega Iván Sanmartín; o alcalde do Concello de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señarís; a responsable de promoción de menores e marcha da Federación Galega de Atletismo, Maika Jueguen Lago; o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño así como Joao Fernández, en representación do club Millaraio e David García do club Ames Atletismo.
Na súa intervención, Iván Sanmartín declarou que “para nós é un pracer estar aquí, no Concello de Ames, presentando este campionato, dunha especialidade que ten moito arraigo en Galicia e tamén a nivel internacional. Ogallá este sexa o berce para que saian máis marchadores de aquí, de Ames” Ademais, Sanmartín loubou o traballo dos clubs de atletismo amesáns, destacando que “a marcha en ruta é moi promulgada tanto polo Millaraio como por Ames Atletismo, que son dous clubs que están a desempeñar un magnífico traballo coas súas escolas e potenciando estas especialidades. Eles tamén son responsables de que esta proba se vaia a celebrar aquí o vindeiro domingo 5 de febreiro“. Ademais, expresou que “unha das intencións que teño como presidente da Federación Galega de Atletismo é montar un circuíto de marcha en ruta, que teña tres ou catro probas en Galicia, e ogallá Ames poida estar nese circuíto”.
A concelleira tamén indicou que “vai ser unha ocasión para ver esta nova modalidade. Todos estamos acostumados ás carreiras habituais e sempre gusta traer novas probas e ver novas modalidades de competición”, e animou “a todas aquelas persoas que se queiran inscribir a facelo. Está toda a información na páxina da Real Federación Galega de Atletismo”.
A rolda de intervencións foi pechada polo alcalde de Ames, Blas García. “Fai uns meses homologamos un circuíto no Milladoiro que inauguramos cunha carreira de milla urbana. Así conseguimos poder diversificar un pouco a disputa de varias probas no concello: por un lado temos o circuíto de Bertamiráns, tamén homologado, agora contamos con este do Milladoiro“, explicou.
O rexedor municipal engadiu tamén que “ese día imos ter 180 atletas federados competindo en diversas categorías de marcha. É un deporte vistoso, unha proba deportiva moi interesante, e animamos a que a veciñanza de Ames, e sobre todo a do Milladoiro, a que aproveite para saír e ver a proba”.
Fonte: Concello de Ames