Resultados

Trío de ases no europeo de campo a través

Tres serán as nosas e nosos representantes no Campionato de Europa de campo a través que se desenvolverá na localidade italiana de Turín o vindeiro día 11 de novembro.

En concreto o atleta olímpico Adrián Ben repite convocatoria logo das súas intervencións nos anos 2016 en Chía (Italia) sendo Sub20 e no 2018 en Tilburg (NED) xa na categoría Sub23. Desta vez estrearase na categoría absoluta na modalidade de relevos mixtos xunto a ¨nosa¨ atleta Solange Pereira, Jesús Gómez e Rosalia Tárrega.

Na categoría Sub20 feminina contaremos con dobre participación galega xa que as atletas Antía Castro do Ourense Atletismo e Inés Docampo do ADAS CUPRA, integrarán unha selección que a maiores estará formada por María Forero, Iraia Mendia, Marta Serrano e María Viciosa.

Con esta convocatoria, as ourensás debutan nun europeo de campo a través logo do excelente comezo de tempada efectuada por ambas no que lograban impoñerse nas prestixiosas edicións de Alcobendas e de Itálica, logrando de igual modo, uns excelentes resultados en Atapuerca.

Galicia, sempre presente no campo a través

Con esta presencia galega na selección nacional de campo a través, Galicia continúa aportando efectivos nas distintas edicións internacionais importantes da modalidade.

Lembramos que os resultados máis salientables ata o momento foron os colleitados por Julia Vaquero quen lograba nas edicións dos anos 1994 e 1996 o subcampionato continental así como o bronce por equipos no ano 1997. Nos homes segue sendo a mítica figura de Alejando Gómez quen segue estando ao fronte dos mellores galegos da historia nuns europeos de campo a través. No seu haber, un subcampionato individual no ano 1995 e catro medallas por equipos ( tres ouros no 1995,2001,2002 e unha prata no 1994)

 

 

Compartir: