Un total de dous ouros e unha prata foi o balance logrado polas atletas galegas e galegos máster durante o transcurso do Campionato de España de 5K desenvolto esta fin de semana na localidade madrileña de Pinto.
Os títulos corresponderon a Esther Pedrosa quen cumplindo o claro papel de favorita, impúxose na categoría F60 cun rexistro de 20:22. Pola súa banda o atleta do Samertolameu Pablo Fervenza, tamén foi quen de facer boas as predicións ao lograr o título nacional na categoría M70 cun tempo oficial de 20:39.
A última das medallas foi parar para Begoña de Arriba do Egobarros de Viveiro, a cal remataba no segundo lugar na categoría F70 cun crono de 28:03.
Foron destacados igualmente os postos de finalistas logrados por Angeles Ripoll do C.A.Sada na F60, de Amador Pena da S.D. Compostela na M40 así como de Elena Ledo do ADAS-Cupa na categoría F40.
Bo papel das nosas Sub16 na final B1 do Nacional por clubs.
Por outra banda, os equipos Sub16 femininos do Atletismo Narón e da Atlética A Silva, tomaban parte esta fin de semana en Cantabria na final B1 do Campionato de España de clubs no que lograron excelentes resultados tanto no individual como no colectivo.
As Sub16 do Atletismo Narón facían un excelente encontro o que lles permitou lograr por equipos a terceira posición con triunfo no individual para Antía Otero en xavelina. A maiores lograron posto de podio Irene Serantes nos 300 m.; Celia Puente en triplo; Carmen Reija en altura; Andrea Díaz nos 3.000 m.; Daniela García en peso; Noa Romero en disco; Arianna Muñoz en martelo e o equipo de relevos dos 4×100.
Pola súa banda, non menos excelente resultou o quinto lugar do equipo de A Silva quen competindo con atletas do Vila de Cangas, tivo as súas mellores actuacións nas mans das irmáns Debris e Demeke Paniagua nos 600 m. e 1000 m. respectivamente; de Eva Formoso nos 3.000 m.; María Estéves nos 1.500 Obstáculos; Alba Eijo en pértega; Nerea Martínez en lonxitude; Alba García en martelo; Lara Liste en xavelina e Icia Ares en 3.000 marcha