No día de onte tivo lugar a Gala do Atletismo Español da RFEA desenvolta na Sede do Comité Olimpico e na que se homenaxearon aos distintos protagonistas do ano 2021.
Nesta gala o atletismo galego foi o gran protagonista xa que acaparou nada menos que un total de nove distincións ao longo de toda a premiación.
O galardón máis importante que era o que distinguía aos mellores atletas do ano tanto na categoría masculina como na femenina, correspondeu neste último caso e como era de agaradar, a saltadora de Riviera Ana Peleteiro quen fixo valer esa extraordinaria e histórica medalla olímpica lograda o ano pasado nos Xogos de Tokio para impoñerse nas votacións finais.
Novamente no apartado de xuíces, pleno co colectivo galego no que tanto Manuel Garrido na modalidade a Mellor Xuíz como Estafanía Acuña na de Mellor Xuíz Novel lograban as máximas distincions a nivel nacional, continuando o camiño emprendido en edicións anteriores por membros do Comité Galego de Xuíces.
Seguindo cos plenos, outro máis foi o que nos deparou as distincións aos Mellores Atletas Másters do ano que recaeron unha edición máis en Esther Pedrosa e Pepín Rioseco grazas aos fantásticos récords mundiais logrados no 2021 tanto por Esther nos 800 m. e nos 3000 m. como por parte de Pepín nos 800 m. 1.500 m. Milla, 3.000 m. 5.000 m.
Outra das protagonista da gala foi Xela Martínez (malia súa ausencia por estar tomando parte nun encontro internacional ca selección en Eslovaquia) quen era distinguida ca mención de Mellor Atleta Femenina Xeración Atletismo que valoraba entre outros méritos, os récords de España logrados no ano 2021 de 1.500 obstáculos de aire libre, así como os de pista cuberta tanto dos 1.000 m. como os de 3.000 m.
No apartado de récords de España, foi galardoada novamente Ana Peleteiro por ese rexistro logrado en triplo con 14.87 m. así como a mugardesa olímpica Belén Toimil quen facía o propio no concurso de lanzamento de peso logo de deixar o novo tope nacional nuns 18.80 m. en xuño do ano pasado.
Pare rematar e como colofón, o Gran Premio de Marcha Atlética-Trofeo Sergio Vázquez contaría un ano máis co recoñecemento que o distingue como a proba máis importante de todas cantas se desenvolven en España da súa modalidade, sumándose a unha longa lista de distincións entre as que destaca a lograda no ano 2019 polo máximo organismo mundial do atletismo, a World Athletics, que a recoñecía ca Placa Patrimonio Mundial do Atletismo.