Creación do Departamento de Trail da FGA

A Federación Galega de Atletismo ven de crear o Departamento de Trail ca finalidade de dar resposta á crecente demanda da práctica federada na nosa comunidade autónoma.

Iván Sanmartín, Vicepresidente da FGA e Delegado Federativo en Santiago, será quen asuma as tarefas de responsabilidade do novo departamento, na que se creará unha comisión para a actividade ordinaria.

Formarán parte da Comisión Trail entre outros, o Secretario Xeral da FGA Carlos Castro, Anxo Pérez en representación do Comité Galego de Xuíces así como varios membros da Xunta Directiva da Federación Galega de Atletismo.

Gran demanda de actividade

A FGA está a desenvolver diferentes trails ao longo do territorio con diferentes entidades e colaboradores, pretendendose dunha maneira progresiva, ir incrementando a súa actividade e servicios aos practicantes desta modalidade en crecente medre.

De igual xeito, a FGA está a colaborar co desenvolvemento da Rede de Centros Trail Running da RFEA, contando na actualidade con varios centros na nosa comunidade e outros en proceso.

Finalmente, salientar que dende o ente federativo se está a traballar nun plantexamento de creación de circuitos / contornas de práctica de Trail , dacordo a unha serie de criterios técnicos que se farán públicos próximamente.

Compartir: