Resultados

A armada galega parte cara ao nacional absoluto

Un total de trinta e oito galegos e galegas tomarán parte durante esta fin de semana na cita máis importante do ano a nivel nacional, os Campionatos de España Absolutos de Aire Libre que se desenvolverá na localidade madrileña de Getafe

Logo dun ano complicado e difícil, serán moi diversos e variados os obxectivos de cada un e unha das participantes onde a gran cita internacional dos Xogos olímpicos marcará con maiúsculas a axenda deportiva.

Con respecto a participación galega e comezando polo sector de velocidade, contaremos nos 100 m. ca presenza tanto do plusmarquista galego de 100 m. e 200 m. Mauro Triana como a de Chichu García do Real Club Celta, que se atopa nun formidable momento. O obxectivo de ambos será estar nunha final moi cara onde con toda seguridade haberá que estar sobre os 10.50. Nos 200 agardamos ao que é capaz de facer Triana, quen xa fora bronce no 2019, e que acude con 21.34 de MMT.

Na categoría femenina, importante test para a paralímpica nos vindeiros Xogos de Tokio Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural Galega quen tamén estará sobre os 100 e os 200 m. perfilarando a súa gran aposta e principal obxectivo para este ano.

Nos 400 metros novo carreirón a que disfrutaremos entre o recente medallista de bronce no nacional Sub23 Jacobo Soler do Rías Baixas (47.41 MMP), e Pedro Juncal do Real Club Celta (47.42 MMP) ambos na procura de mellorar esos bos rexistros. Sobre os 200 m. idénticos obxectivos para o velocista do Celta quen acude con MMP de 21.56

Os 800 m. será a carreira estrela, ca presenza dos nosos máis importantes oitocentistas. Adri Ben (con billete para os Xogos) lidera o grupo perfilándose como aspirante ao título nacional e na que tanto Elian Numa do Coruña Comarca, (con billete para o Europeo Sub23) como Pedro Osorio do Ría Ferrol estarán na loita polos postos de finalistas.

Tanto Laura Santos do Lucus Caixa Rural Galega como Carlos Porto da Gimnástica acuden logo dunha destacada progresión sobre os 1.500 m. que lles vai permitir estar tomando parte na proba raiña do medio fondo con 4:27.48 e 3:47.42 (MMP).

Carmela Cardama recén chegada de EE.UU, será unha das favoritas na proba dos 5.000 m. á que acude logo de ser a primeira española en proclamarse  Campioa Universitara de Atletismo da NCAA na proba dos 5.000 m. pola Universidade de Oregón. Tomando parte na mesma proba, a venezolana con ficha galega Edymar Brea do Ourense Atletismo, estará na loita polos postos importantes.

Nova presenza lucense na modalidade de valos nuns campionatos de España, neste caso da man de Miguel Pérez do Lucus Caixa Rural Galega, quen viaxa co obxectivo de baixar da súa MMT de 14.77. Nas mulleres tanto Lucía Rivadulla do Ría Ferrol como Belén Arias do ADAS Proinor loitarán novamente pola hexemonía galega sobre a modalidade na que a ferrolá parte con mellor marca de 1:01.11 polos 1:01.63 da barquense.

Os fosos de saltos serán sen dúbida os que centren boa parte da atención. Na lonxitude teremos tomando parte nada menos que ao olímpico e seis veces campión de España ao aire libre Jean Marie Okutu quen ven de saltar recentemente por encima dos oito metros malia que ventosos. Leticia Gil pola súa banda intentará superar esos 6,26 m. para voltar a un podio de aire libre como xa fixera co bronce do ano 2019. A venezolana con ficha galega Nori Vargas estará tamén presente neste concurso.

No triplo Ana Peleteiro parte como clara favorita ao título nun importante test de cara aos Xogos e onde non perderemos de vista as evolucións da campioa de España de Pista cuberta Sub20 Alba Cuns. No concurso masculino o subcampión de España Sub23 de pista cuberta Alex Barreiro do Lugo Runing loitará por mellorar a súa MMP de 15,27 lograda este mesmo ano.

No apartado de lanzamentos, este é sen dúbida o ano de Belén Toimil. A plusmarquista nacional  (18,64 m.) aspira a revalidar o título de campia nacional en peso como paso previo a gran cita olímpica de apenas un mes. Sen abandoar os lanzamentos, a internacional campioa de España Sub20 do ano pasado Irene Gómez estará en martelo logo de lanzar este ano ata os 60,17 nunha importante progresión. Sobre ese mesmo círculo, dous referentes do sector,  o seu adestrador Carlos Revuelta e o internacional e campión de España absoluto no ano 2011, Isaac Vicente quenes compartirán competición co atleta Sub23 do Real Club Celta e  Yago Araujo.

A xavelina será outro dos puntos de interese ca participación da tetra-campioa de España absoluta Lidia Parada do A.D.Barbanza (53,80 MMT) e da subcampioa nacional do ano pasado Carmen Sánchez do Unicaja Jaén (52,74 MMT) ambas ca segunda e terceira mellor marca nacional do ano. En homes, presenza do campión de España absoluto no ano 2013, Manuel Uriz quen estará tamén sobre o corredor do sintético madrileño.

Sobre as combinadas femeninas contaremos ca participación da internacional e medallista nacional de bronce Sub23 tanto de pista cuberta como de aire libre Eva Queimaño, así como a do venezolano con ficha galega Gerson Vidal Izaguirre do Atletismo Narón que acude ca terceira mellor marca dos participantes.

Unha das modalidades importantes do noso atletismo, a marcha estará representada por  Carmen Escariz do Ourense Atletismo e Daniel Chamosa da Gimnástica de Pontevedra, ambos instalados novamente na elite nacional e cos obxectivos compartidos de ocupar postos de honra na proba dos 10.000 marcha.

Por último, tanto o Ría Ferrol nos 4×400 m. femeninos como a Sociedad Gimnástica nos 4×100 m. masculinos, serán os equipos galegos clasificados para tomar parte na proba de relevos nestos campionatos

Compartir: