A FGA apoia a creación dunhas pistas na Mariña

Trala xuntanza realizada este venres en Foz, na cal participaron oito clubes de Atletismo, cinco deles federados na Federación Galega de Atletismo, as entidades mariñanas acordaron asinar un manifesto no que se pide a construción dunhas pistas de Atletismo na Mariña, facendo extensiva a proposta ao Concello de Foz, como posible ubicación, á Deputación de Lugo, á Xunta de Galicia e á Federación Galega de Atletismo.

Así, o Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Suso Vázquez manifestou que “O Atletismo na Mariña está medrando dunha maneira importante grazas ao gran traballo dos diferentes clubes que medran día a día,  e onde de feito, se está barallando a posibilidade da creación de tres novas entidades, o que pon de manifesto a potencialidade da comarca. Tal e como lles trasladei no día de hoxe a representantes dos diferentes clubes, poñémonos a súa disposición para celebrar o antes posible unha xuntanza e ver as posibilidades de avance co apoio das diferentes institucións sempre en prol da unidade dos clubes da Mariña”.

En relación ás posibilidades de colaboración das diferentes institucións, Vázquez salientou que “é o momento que abordemos entre todos un plantexamento conxunto, mirando un proxecto en clave comarcal, aínda entendendo as necesidades e as demanadas de carácter local de cada Concello. Con nós, en diferentes momentos falaron varios concellos, tanto responsables dos equipos de goberno, como voceiros na oposición, para coñecer a situación e respectamos como non pode ser doutro xeito, cada unha das opinións e opcións. O que si que temos claro é que debemos camiñar cara a unhas pistas homologadas que poidan acoller diferentes eventos de ámbito autonómico e nacional con todo o que conlevaría a nivel positivo para A Mariña “, concluiu.

Compartir: