Xela e Lisa suben ao podio no nacional Sub16

Unha medalla de ouro, unha de bronce e un total de oito postos de finalistas, foi o balance das nosas e nosos representantes no Campionato de España Sub16 de pista cuberta que se disputou esta fin de semana en Oviedo.

Novamente Xela Martínez da Atlética Lucense daría mostras da súa enorme calidade e talento. A lucense quen tomaba parte na proba dos 1.000 m., impoñíase o sábado nas semifinais cun rexistro de 3:01.48, para xa logo na final do domingo, marcar un estratosférico de 2:49.81 que ademáis do título, reportaban un novo récord de España da súa categoría. Este récord, súmase ao logrado a semana pasada na proba dos 3.000 m. Nesta mesma carreira, excelente posto de finalista para Candela Sánchez do San Miguel de Marín, quen cun magnífico rexistro de 2:58.59 lograba a cuarta posición da final cunha MMP

Sen abandonar o fondo, Sara Guedes da Atlética Lucense, lograba a sexta mellor marca das participantes na súa final dos 3.000 m. cun tempo oficial de 10:24.37 que supoñen unha MMP

A segunda medalla veu da man da pertiguista do AVA Lisa Vosberg quen a semana pasada no galego Sub16, daba mostras do seu excelente estado de forma ao lograr o récord galego da súa categoría con 3.35 m. En Oviedo, malia saltar quince centímetros por debaixo da súa MMP, lograba unha meritoria terceira posición e un metal de bronce.

Outro dos resultados salientables correspondeu ao atleta do Coruña Comarca Daniel Salgueiro logo de finalizar a súa final dos 600 m. con 1:28.49 que lle daban o cuarto posto. De igual modo e sen abandonar os 600 m. Alicia Barreiro do Ría Ferrol lograba entrar nunha dificil final para rematar no cuarto posto cuns excelentes 1:37.15 que melloran amplamente a súa MMP.

A velocidade curta tería en Antía Pernas do Lucus Caixa Rural Galega a súa mellor representante xa que acadaba na final dos 60 m. un rexistro 7.95 que lle daban a velocista, un salientable quinto lugar na final.

Matías Moldes da Sociedad Gimnástica pola súa banda, lograba a sexta posición no concurso de hexathlon estabrecendo una puntuación total de 3.283 puntos. Mesma posición sería a que lograba a representante do Vila de Cangas Gema Dacosta no concurso de peso, onde lanzaba ata os 11.80 m. (MMP)

Nos 300 m. o plusmarquista galego da distancia Fabian Vidal do Barbanza entraba de quinto lugar na xeral cun crono de 37.84, algo alonxados dos seus 36.91 logrados apenas fai unha semana.

Foto de Lisa Vosberg de Fotocarlosgrafias

Compartir: