Todo xa prácticamente ultimado para que as Pistas Universitarias de Elviña den acollida esta fin de semana dende o venres e ata o domingo, ao macro Campionato de Atletismo que xuntará, as categorías Absoluta, Sub23, Sub20, Sub18 e de Combinadas.
As estritas normas sanitarias fixeron que ata última hora de hoxe se estivera pendente da decisión por parte da Xunta de Galicia no tocante a autorización do desenvolvemento das probas de fondo e marcha, que remataría co visto bó do máximo organismo deportivo da nosa comunidade. Con esta medida, permitirase a participación en distancias longas neste campionato motivo polo cal o Comité COVID19 no día de maña fará pública as adaptacións precisas que regularán a normativa destas distancias e que pasarán entre outras, pola redución do número máximo de participantes ata un número de oito.
Estritas medidas de seguridade e control
Disipadas as incertidumes legais, agora os esforzos céntranse en garanter o máximo nivel de seguridade nunha instalación que contará co acceso restrinxido para atletas, adestradoes e persoal técnico da competición (só se permite un acompañante por atleta menor de idade) entre outras medidas adoptadas pola organización.
De igual modo, o visto bó da Xunta sobre a disputa de distancias de fondo, afecta só polo de agora a estos Campionatos, cuxa axeitada evolución podería servir para unha futura actualización do actual Protocolo COVID19.
Amplíase o número de atletas internacionais inscritas/os
No que atinxe a lista de participantes e como xa adiantamos, teremos sobre as pistas universitarias a presenza de moitos e moitas atletas internacionais. Unha das máximas atraccións estará no foso de lonxitude, onde o olímpico de Marín, Jean Marie Okutu intentará mellorar os seus 7.39 m. logrados na V Festa do Atletismo Galego fai escasos dez días. Compartindo modalidade estará Leticia Gil quen foi bronce no nacional de La Nucía do ano pasado e que ben ca intención de mellorar os 6.19 m. acadados en Ourense este inverno.
Nas probas de velocidade a subcampioa paramundialista nos 100 m. e nos 200 m. Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural estará intentando reeditar os seus triunfos do ano pasado en Pontevedra o mesmo que o plusmarquista absoluto e líder galego da velocidade dos últimos anos Mauro Triana. Na categoría masculina o Sub18 Erik Fernández do Celta quen o ano pasado debutaba ca camisola nacional na Copa Iberica Go FIT, verémolo loitando polos postos de honra sobre as mesmas distancias.
O subcampión de España de Pista cuberta Sub23 Elian Numa Iglesias do Coruña Comarca tomará parte nas probas dos 400 m. e 800 m. ao igual que o subcampión de España de maraton e subcampión de Europa máster de media maraton Manuel Hurtado da Gimnástica nos 5.000 m. Xa na categoría femenina sobre os 800 m. e 1.500 m. teremos tanto a Uxía Pérez do Playas de Castellón como Sandra Mosquera do ADAS Proinor aportando calidade a estas distancias.
Outra das probas interesantes corresponde ao concurso de xavelina onde figuran inscritas as nosas melloras lanzadoras internacionais do momento encabezadas pola subcampioa de España Carmen Sánchez quen estará acompañada polas Sub23 Andrea González e Ivanna Carolina Román.
Non menos salientable resultará o concurso de peso ca participación da mundialista Belén Toimil intentando mellorar os 16.90 m. efectuados este mes no CARD de León. A Sub23 Irene Gómez e Isaac Vicente no martelo, centrarán o resto de atención neste importante sector de lanzamentos.
Outras das internacionais que poderemos seguir sobre o sintético das pistas universitarias de Elviña será a celeste Sub23 de combinadas Eva Queimaño sobre a lonxitude, 400 valos e 100 valos, e a atleta nigreirense do A.D.Marathon Angela González, quen fará o propio nos 800 m. e nos 1.500 m. Sobre os valados será interesante ver as evolucións da campioa de Europa máster do ano pasado en Italia, Emma Valencia do Celta, quen estará loitando por un posto de podio
A sempre destacada proba de marcha, terá nos internacionais Antía e Daniel Chamosa ós máximos referentes, aparecendo tamén nesa lista de inscritas a Sub20 Iria Rivas
Por último contaremos ca presenza de Victor Gallego e de Bea Viteri no concurso de peso e pértega respectivamente intentando engadir un novo ouro máis co cal ampliar a súa colección que fan deles os máis laureadas/os de todos cantos toman parte.