Toda a emoción da Copa nesta fin de semana

Importante cita esta fin de semana na pista cuberta de Ourense onde a Copa de Clubs tanto na categoría absoluta como a categoría máster centrará toda a atención.

O sábado día 11 comezará o encontro na categoría absoluta na que oito equipos en ambas categorías tentarán loitar polo tan ansiado premio colectivo. O Atletismo Feminino Celta e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra que parten como favoritos, aspiran a revalidar o título conseguido o ano pasado e onde os pontevedreses veñen gañando de maneira ininterrompida nas últimas sete edicións, polas catro das celestes.

A pesar das estatísticas, prevese un interesante duelo nas probas femininas onde o Ría Ferrol tentará de novo conseguir un triunfo cuxo último remóntase ó 2015 e onde terá que pelexar ademais a priori coa Gimnástica para eses postos de podio.

En canto a categoría masculina haberá que seguir moi de preto ao sempre potente Celta sen esquecernos do moi reforzado Club Atletismo Narón e do Club Atletismo Santiago.

Os máster compiten o domingo

O outro fronte copeira será o domingo á mañá onde entrarán en acción os máster.

Nesta terceira edición tanto o Samertolameu na categoría feminina como o Marineda na masculina estarán no tartán loitando por revalidar o título conseguido na edición do 2018 na Coruña. A priori prevese máis competitiva a categoría masculina xa que serán oito os clubs que tomen parte e onde o Atletismo Santiago, o Atletismo Sada, A Silva e Ourense en principio poderíanse posicionar para os postos de podio.

Na categoría feminina todo parece indicar que será novamente o Samertolameu quen contará con máis opcións de poder repetir os dous títulos conseguidos en edicións anteriores sen esquecernos nin do Club Atletismo Sada, nin do Club Atletas Independente da Estrada que entran nas quinielas para os postos de honra.

Clubs Absolutos participantes na Copa 

Clubs Máster participantes na Copa

Compartir: