Comezan esta fin de semana os XOGADE

Esta fin de semana dará comezo unha nova campaña dos XOGADE na modalidade de campo a través que como cada ano move a un importante número de escolares ó longo de toda a nosa xeografía. En concreto será este sábado a parroquia fenés de Barallobre quen abra esta nova edición a partir das 10.00 horas

A campaña de actividade lúdico deportiva XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma

O programa XOGADE combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia, apostándose por un modelo deportivo orientado á participación, que se axusta ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte.

O obxectivo primordial desta concepción do deporte será a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurando que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.

Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poderán inscribirse se o desexan, os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia e cuxo remate de actividades será pole mes de xuño.

Compartir: