Resultados

A FGA pon en marcha e impulsa un importante Plan Social

A Federación Galega de Atletismo crea un Plan Social en relación a varios dos plantexamentos recollidos no Plan Estratéxico 2019 – 2023 de tal maneira que nos vindeiros seis meses poñerá en funcionamento outros tantos plans coa intención de chegar á totalidade do atletismo galego e á vez levar a cabo diferentes actividades para seguir coa súa promoción e crecemento.

A temporalización dos diferentes plans será a seguinte:

  • Plan de Acción Social, no mes de maio, coa intención de colaborar coas diferentes entidades na promoción e desenvolvemento de actividades e divulgación do atletismo no territorio.
  • Plan de Acción Institucional, no mes de xuño, trala configuración das novas corporacións municipais e provinciais.
  • Plan dos Medios de Comunicación, no mes de xullo para crear sinerxias ó longo do territorio e crecer de forma progresiva na presencia do noso deporte nos medios de comunicación e en interacción coas diferentes delegacións da FGA.
  • Plan de Revitalización dos clubs, no mes de agosto, de tal modo que se plantexarán diferentes accións con aqueles clubes que por diferentes motivos teñen nestes intres pouco volume de actividade ou se deron cambios nas súas Xuntas Directivas, para axudarlles nesas primeiras etapas.
  • Plan de Implantación e Desenvolvemento Territorial, no mes de setembro, de forma que se abordarán diferentes cuestións en relación a implantar o noso deporte en zonas grises para o atletismo galego.
  • Plan de Solidaridade do Atletismo Galego, no mes de outubro, coa creación dunha serie de mecanismos para o desenvolvemento de tarefas e colaboracións solidarios con aquelas persoas do noso deporte que o necesiten.

Para Isidoro Hornillos, presidente da FGA esta medida supón “a constatación do noso firme compromiso de seguir traballando día a día e de desenvolver o Plan Estratéxico presentado ao atletismo galego con mais de 100 actuacións. A folla de ruta está planificada e avanzamos con ilusión e confianza cara ó futuro

O Vicepresidente de Relacións Institucionais e Área Social da Federación Galega de Atletismo, Jesús Vázquez salientou que “estes seis plans desenvolverán diferentes accións coa intención de abrir de forma progresiva o atletismo a toda a sociedade que o debe considerar como un elemento cercano e accesible, á vez que se busca que todo o noso deporte teña diferentes mecanismos para poder exercer a súa actividade dun modo integral e en permanente conexión coa Federación Galega. Considero que de maneira progresiva estamos dando importantes pasos cara adiante“.

Compartir: