Resultados

Placa ao Patrimonio Mundial para o G.P. de Marcha Cantones

O Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña – G.P. Sergio Vázquez, foi distinguido este venres pola IAAF coa Placa de Patrimonio Mundial deste deporte.

O presidente da IAAF, Sebastian Coe, recoñeceu á proba e outras cinco na Cea da Federación Internacional previa aos Campionatos do Mundo de Cros de Aarhus (Dinamarca). “Cando se trata de correr a pé, hai poucas competicións que coincidan coa talla e a historia do encontro na Coruña”

Con esta importantísima distinción o Gran Premio de Marcha Cantones, acumula unha nova mención que o converte na proba das súas características máis importante de todas cantas se desenvolven a nivel mundial. Como consecuencia delo, dende os últimos lustros forma parte do circuíto mundial Challenge IAAF reservado ás probas mundiais de máis prestixio e categoría.

Un pouco de historia.

O ano 1987 o seu principal impulsor, o presidente da Federación Galega de Atletismo dende 1984 ata 2006 Sergio Vázquez, conseguiría xuntar a un importante número de marchadores e marchadoras ó fronte dos cales se atopaba o campión olímpico Maurizzio Damilano. Dende aquela primeira edición, polos Cantones pasarían todas e cada unha das grandes lendas da marcha a nivel mundial entre os que se atopan nomes míticos como o propio Damilano, Robert Korzeniowski, Jefferson Pérez, Yelena Nikolayeva, Olimpiada Ivanova ou Liu Hong por citar algúns e algunhas. Sería precisamente esta última marchadora chinesa, quen no ano 2015 establecería na Coruña o récord mundial nos 20 km. con 1:24:38.

Esta distinción, que non sería entendible sen o gran traballo e colaboración do Concello da Coruña que ano tras ano aposta por esta proba, poderase disfrutar o vindeiro día 8 de xuño cando de novo se conte ca presencia dos mellores marchadores mundiais. Para elo organizarase sobre unha distancia de 2 Km. a “IV Marcha Popular Solidaria” aberta a toda a cidadanía e na que a única esixencia e a de tomar parte sen correr.

Compartir: