Resultados

Importantes resultados na fin de semana

Un total de catro medallas e tres récords de Galicia, foi o balance acadado esta fin de semana polas nosas e nosos representantes nos distintos campionatos nacionais que terían en Collado Villalba, Sabadell e Oropesa del Mar os seus puntos de disputa.

No Campionato Nacional de Pista Cuberta Sub16 desenvolto en Sabadell, o máis importante sería o título de campioa de España no concurso de triplo da xoven talento do Negreira Alba Cuns quen co seu salto de 11.83 m. acadaría a medalla de ouro así como o récord de Galicia da súa categoría mellorando o que ela mesma tiña.

Non menos importante sería o subcampionato de España no concurso de péntatlon da lucense do franciscanos Lucía del Valle quen conseguiría sumar un total de 3441. Con esta mesma marca establecería un novo récord galego Sub16 que pon un excelente remate a unha non menos excelente tempada invernal.

A terceira medalla destes campionatos viría da man Pedro Vázquez do Real Club Celta na proba dos 3.000 m. na cal establecería un rexistro de 9:10.41 que lle serviría para proclamarse subcampión de España e completar unha excelente tempada na que tamén destacaría no campo a través. Mención á actuación nesta mesma proba de Antón Martínez da E.A.Lucense ó ocupar o cuarto lugar con 9:12.92.

Luan Henrique do ADAS Proinor sería outro dos atletas destacados logo establecer nas semifinais dos 60 m.v. un rexistro de 8.75 que lle servirían para acceder a final, na que lograría a sexta posición, pero sobre todo para mellorar o récord galego nesta da proba.

Posicións de finalistas lograrían Diaou Diallo do Ría Ferrol en triplo con 11.25 m, Enma Sighuang Pérez do Franciscanos en altura con 1.60 m, Aarón Otero do Vila de Cangas en peso con 13.33 m. e Degnesh Mato do Millaraio nos 1.000 m. con 3:06.50.

Nova medalla para Antía Chamosa 

Antía Chamosa proclamaríase subcampioa de España no Campinato nacional dos 20 km. Sub23 que se desenvolvería en Oropesa del Mar con 1:39:02. A marchadora internacional afianza deste modo a súa presenza na élite da marcha con este novo metal.

Nun campionato con bastantes problemas técnicos, e a espera de que se confirmen ainda os resultados, Brais Prieto lograría un cuarto lugar na Sub23 cun crono de 1:35:23. Sobre a mesma distancia pero feminina,  Ines Valentín do Ourense Atletismo entraría no oitavo lugar con 1:53:32.

Máster de campo a través 

Xa por último no Campionato de España Máster de campo a través en Collado Villalba, o máis salientable sería o quinto posto logrado polo ADAS Proinor na categoría F35.

Resultados Campionato de España Pista Cuberta Sub16 2019

Resultados Campionato de España 20 Km. Marcha 2019

Resultados Campionato de España de Campo a Través Máster 2019

Compartir: