Séguense a producir moi bos resultados para os nosos e as nosas atletas nas distintas citas que se están a desenvolver nas modalidades de ruta, pista cuberta e campo a través.
Excelentes resultados para os/as Máster e para a selección galega masculina Sub20 no Vendrell
Esta fin de semana a Selección Galega Sub16 e Sub20 tomaría parte no Campionato de España de Federacións disputada no Vendrell e na que o máis salientable sería a terceira posición do equipo masculino Sub20 con Roberto Vieiro e Hugo Martínez entrando entre os oito primeiros marchadores. Menos sorte tería o equipo feminino quen ocuparía a sétima posición por comunidades con Iria Rivas como mellor marchadora no sétimo lugar.
No resto de categorías, a Selección Galega Sub16 masculina quedaría as portas do podio ó acadar o cuarto lugar por equipos. Un posto máis abaixo estaría o combinado feminino ca actuación tanto de Brais Manso (10º), como de Sofia Ares (16ª) como atletas máis destacados.
No apartado individual magnífico comportamento tanto de Juan Morales do Marineda como de José Fernández do R.C. Celta quenes cumpliron co papel de favoritos acadando as dúas primeiras posicións do Campionato de España na categoría Máster 35. Conchi Campos do A. Cuntis sería outra das protagonistas no Vendrell ó proclamarse subcampioa nacional sobre os 10 km. na categoría Máster 40.
Soberbia Paula Iglesias no nacional Sub23
A pista cuberta de Salamanca “Carlos Gil Pérez”, quen acollería o Campionato de España Sub23 esta fin de semana, presenciaría os resultados de dous dos nosos atletas galegos máis en forma nestes intres.
Tariku Novales quen tomaba parte na proba dos 3.000 m. cumpriría os pronósticos proclamándose con autoridade campión de España cun rexistro de 8:25.15 o que confirma ó de Noia como claro dominador nacional do fondo da súa categoría.
A outra excelente nova viría de mans da coruñesa Paula Iglesias quen na proba dos 400 m. non só sumaría o título de campioa de España, se non que a súa marca de 54.02 pulverizaría en máis dun segundo a súa anterior MMP logrando de igual modo establecer un novo récord galego tanto da súa categoría, como da absoluta que ata ese entón retiña Begoña Garrido dende facía unha década, e que a sitúan ademáis, no terceiro lugar no ránking nacional da proba.
No resto de actuacións salientar os postos de finalistas para os atletas do Lucus CRG Santiago Rozas nos 60 m.v. con 8.88 e Laura Santos nos 3.000 m. con 10:13.03