O futuro e presente do Campo a Través deuse cita en A Rúa

Excelente xornada a vivida no día de hoxe no Concello de A Rúa na que se presenciaría un bo número de probas correspondentes á disputa de varios campionatos de Galicia de campo a través.

A gran festa do atletismo na que se convertiría a xornada, daría comezo as 10:30 horas ca posta en marcha do Memorial Alejandro Lorenzo, reservada para as categorías base Sub10, Sub12 e Sub14 do noso atletismo.

Importantes e destacadas actuacións da canteira no Memorial Alejandro Lorenzo

Cun ceo moi nubrado na que de maneira intermitente a choiva faría acto de presenza, daríase a saída ás atletas da categoría Sub10. Sobre unha distancia de 800 m. os títulos individuais serían para Carmen Paz do Atletismo Noia e José Hervella do ADAS Proinor. Por equipos sería precisamente o ADAS o gañador na categoría masculina, correspondendo ó Ourense Atletismo o campionato galego na categoría feminina.

Na categoría Sub12 o protagonismo foi para a formación do C.A. Vila de Cangas quen se imporía nas dúas categorías no apartado de clubs acadando ademáis a súa atleta, Sabela Castelo, o título de campioa galega. Nos homes sería un dos favoritos, Alex Sierpes do C.A.Trega quen se fixera co título.

Se o Vila de Cangas dominaba a categoría anterior, sería a Atlética Lucense quen fixo ó propio na última das carreiras Sub14 que pechaba o Memorial. Os lucenses impuxéronse por clubs tanto en homes como en mulleres, sendo ademáis  unha das súas atletas máis talentosas, Xela Martínez, quen se proclamaría campioa galega desta categoría. Nos homes e no terreo individual, a victoria sería para Mohamed Norddine do Franciscanos de Lugo.

Moita competitividade no Galego Sub16 e Sub18

Seguindo ca disputa desta xornada tan propia do campo a través a nivel climático, ás 12.05 h. dábase a saida da proba Sub16 sobre unha distancia de 2.700 m. para as participantes. Nesta carreira Laura Carracedo do C.A.A Estrada resultaría vencedora a nivel individual sendo Pablo Vázquez do Real Club Celta quen ademáis de impoñerse, contribuiría de maneira importante ó triunfo dos celestes por clubs. Nas mulleres, o Ourense Atletismo colleitaría novamente outro título malia susto que nos deixaría (afortunadamente sen importancia) unha das súas máis destacadas atletas, Carolina Santos.

Na Sub18 cumpriríanse os pronósticos con triunfos dos e das favoritos e favoritas, así Carla Guisande do C.A.Beade e o atleta internacional El Mehdi El Nabaoui do C.D.San Paio A Estrada proclamaríanse campións galegos xunto ós equipos da Atlética Lucense en homes e o Atletismo Friol en mulleres

ADAS Proinor estrea o casilleiro do galego de clubs mixto.

Por último na primera edición correspondente ó I Campionato de Galicia por relevos mixto, o trofeo iría parar as vitrinas da formación valdeorresa do ADAS Proinor integrada por  Sandra Mosquera, Iván Roade, Joana Filipa Pereira, e Alejo Ares Prada, quenes estarían acompañadas no podio pola Sociedad Gimnástica e polo Lucus Caixa Rural Galega en segunda e terceira posición respectivamente.

Agradecemento

Ó remate, o alcalde do Concello de A Rúa Luis Fernández, quixo amosar a súa gratitude a FGA pola súa implicación atlética con este Concello nos últimos anos, facéndolle entrega dunha placa ó seu presidente, Isidoro Hornillos.

Memorial Alejandro Lorenzo (Campionatos de Galicia Sub10, Sub12 e Sub14)

Campionatos de Galicia Sub18 e Sub20

I Campionato de Galicia de Relevos Mixto

Compartir: