A Rúa acolle a gran festa do campo a través galego

Chega esta fin de semana ó Concello de A Rúa unha das citas máis importantes da tempada de campo a través na que presenciaremos unha boa cantidade de Campionatos de Galicia nas súas distintas categorías e modalidades. Baixo unha participación de preto de novecentos atletas, iranse desenvolvendo ó longo da mañá cada un dos eventos programados a partir das 10:30 h. e no que a novidade máis importante será a disputa da primeira edición do campionato autonómico mixto por relevos.

A primeira das probas que abrirá esta macro xornada será o XXIII Memorial Alejando Lorenzo, reservado para as categorías menores Sub10, Sub12 e Sub14  que arrincará as 10:30 horas da mañá. Nesta edición, preto de 500 atletas chegados de todas as partes da nosa comunidade competirán sobre distancias que irán dende os 800 m. ata os 2.500 m. e no que poderemos ver as evolucións dos que no día de mañá estarán chamados a ser os novos referentes dunha modalidade con moito peso e importancia histórica no noso deporte.

Continuando cas distintas carreiras programadas, o Alejandro Lorenzo dará paso sobre as 12:05 horas, ó Campionato de Galicia Sub16 e Sub18 individual e por equipos na que contaremos con algúns dos atletas máis importantes que xa o ano pasado amosarían as súas credenciais. Entre eles se atopan Antón Martínez da Atlética Lucense, bronce no galego escolar Sub16 e Brais Picón do Fontes do Sar , gañador galego Sub14.

A debutante na categoría Sub16 feminina Carolina Santos do Ourense Atletismo parte a priori como unha das favoritas ó título nesta categoría ó igual que a tamén “nóvel” Laura Carracedo do A. Estrada, que estará na loita polas postos de honra.

Na categoría Sub18 masculina o indiscutible protagonista será de novo unha das xoias do atletismo galego, o atleta internacional de San Paio A Estrada El Medhi El Nabaoui que debería estar acompañado por Hugo García do R.C. Celta e por Martín Rivera do Ourense Atletismo como atletas importantes na loita polas medallas.

Non menos interesante será a carreira Sub18 feminina na que tomarán parte prácticamente a totalidade das medallistas galegas do ano pasado na Sub16 e Sub18 e na que se atopan Elsa Pena do At. Tui, Carla Guisande do Beade, Noelia Sánchez do Friol, así como Paula de la Torre e Blanca Armenteiros da Gimnástica.

Por último, a xornada atlética pechará as 13:45 horas ca saída da primeira edición correspondente ó Campionato de Galicia de relevos mixto. Neste formato, na que os equipos están compostos por dous homes e dúas mulleres, a emoción estará garantida ca presenza de doce equipos entre os cales se atopan tanto a Sociedad Gimnástica de Pontevedra  (con Manuel Hurtado, Carlos Porto, Eva Cid e Inés Castaño) e o ADAS Proinor  (Alejo Ares, Iván Roade, Sandra Mosquera e Joana Monteiro) cuxa loita será sen lugar a dúbidas, un dos pratos fortes da xornada.

Relación atletas inscritos/as

 

Compartir: