No día de hoxe a Federación Galega de Atletismo asinaría ca Deputación Provincial de A Coruña, o convenio de organización para o desenvolvemento do VI Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña que dende o ano 2013 se ven desenvolvendo de maneira inenterrompida.
Ó igual que ano pasado, trinta serán os Concellos da provincia que integran este circuíto cuxa axenda, que se estende entre os meses de abril e decembro, espera acadar nesta sexta edición a cifra de 15.000 participantes, despois de que o ano pasado se chegase case aos 14.000 entre as diferentes categorías (Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16, Sub-18, absoluta e máster).
Teo, Vimianzo, Oroso, O Pino, Curtis, Frades, Mazaricos, Outes, San Sadurniño, Zas, Culleredo, Carballo, Cee, Muxía, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Cambre, Ferrol, Carnota, Noia, Cabana de Bergantiños, Ribeira, Brión, Sada, Fisterra, Ames, Rianxo, Negreira, Boiro e Porto do Son serán os municipios que acollerán as carreiras en 2018.
O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, destaca a “importancia da posta en marcha dun circuíto provincial de carreiras” e agradece a “gran labor de organización e coordinación das probas” que leva a cabo a Federación Galega de Atletismo e que “permite que este circuíto chegue á súa sexta edición como un evento consolidado na ampla axenda deportiva da provincia”.
Pola súa banda o Presidente da FGA Isidoro Hornillos reiteraba “a importante función xa non só deportiva senón de integración e vertebración social e xeográfica que está a ter este circuíto” salientando e agradecendo “ o gran esforzó que está a facer a Deputación na organización deste evento durante todos estes anos”.
Carreiras en Teo e Vimianzo esta fin de semana
O circuíto dará comezo este próximo sábado coa VIII Carreira “Batalla de Cacheiras” en Teo, unha proba de 9 quilómetros que discorrerá por camiños históricos do municipio atravesando as parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras e rematará no cumio de Montouto.
O domingo 22 terán lugar as carreiras pedestres dos concellos de Vimianzo e Oroso, nas súas oitava e sexta edición, respectivamente. En ambas probas, os participantes de categoría absoluta terán que percorrer unha distancia de 10 quilómetros. O mes de abril rematará coa celebración da décimo quinta edición da clásica Carreira Pedestre Popular Concello de O Pino o próximo día 29.
Os municipios de Curtis, Frades, Mazaricos, Outes e San Sadurniño acollerán as probas durante o mes de maio; Zas, Culleredo, Carballo e Cee farano en xuño; Muxía e A Laracha en xullo; A Pobra do Caramiñal, Cambre, Ferrol e Carnota en agosto; Noia, Cabana de Bergantiños e Ribeira en setembro; Brión, Sada, Fisterra e Ames, en outubro; Rianxo e Negreira en novembro e Boiro e Porto do Son en decembro.
Na foto o Presidente da F.G.A. Isidoro Hornillos e o Diputado Xesús Manuel Soto Viveiro.