Os Sub-23 a escena esta fin de semana en Salamanca

Ca chegada do mes de febreiro e co ambente do entroido xa nas rúas das principais vilas galegas, comeza a intensa actividade de Campionatos de España de pista cuberta que dará arranque esta fin de semana co Nacional Sub-23 en Salamanca.

Son un total de 24 atletas galegos quenes acuden a esta cita na que cabe salientar na categoría masculina a participación do internacional Adrián Ben quen parte como favorito nos 3.000 m. proba esta última na que ten rexistrados 8:04.08 que realizou o pasado 20 de xaneiro en Valencia. O lucense achégase a esta cita nun magnífico estado de forma como así  o acreditan os seus 1:49.42 na proba dos 800 m. que realizaría recentemente e que constitúen un novo tope galego.

Nos 3.000 m. tamén tomará parte outro dos internacionais galegos presentes, Tariku Novales, quen o ano pasado xa acreditara 8:26 e que malia atoparse máis cómodo nos 5.000 m. terá moito que decir na loita polas medallas.

O saltador coruñés da Gimnástica Anxo Blanco, que xa sabe o que é un pódium nacional, acude con serias opcións ó titulo logo de establecer un rexistro na proba de triple de 15.30 m. nos pasados Campionatos de Galicia de Ourense que o colocan a tan só catro centímetros do líder nacional da proba.

Na categoría feminina Paula Iglesias do Riazor Coruña achégase con 56.93 nos 400 m. que a sitúan na loita directa polas medallas nunha proba bastante cara. Máis doado a priori terao a internacional de altura Saleta Fernández quen cos seus 1.80 m. encabeza o ránking de altura.

Relación galegos inscritos Sub-23 Nacional P.C.

Compartir: