Na presentación do evento, celebrada este mediodía no Concello de Fene,
o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, amosou o seu desexo de “recuperar Fene para o atletismo”. Acompañado polo representante da Delegación de Ferrol da FGA,
Paulino Cartelle, e polos directivos do Club de Atletismo Fene, Antonio Rodríguez (presidente) e Marcelino Rodriguez (vicepresidente), Bastida afirmou que “nesta nova época temos intención de
ofrecernos voluntarios para todo tipo de competicións que nos poida conceder a Federación Galega de Atletismo”. O edil lembrou que “Fene ten historia no mundo do
atletismo, non en van, a mediados dos anos 80, celebrouse en Belelle un dos Campionatos de España de Cross”.
O I Campionato Galego de campo a través de veteráns “Concello de Fene” comezará este domingo ás 11 da mañá. A proba desenvolverase nun circuito de 1.200 metros,
habilitado nunha zona verde próxima ao paseo marítimo de San Valentín. Segundo explicou o vicepresidente do Club de Atletismo Fene, Marcelo Rodríguez, “trátase dun cirtuito chan aínda que conta
cunha zona (a que transcorre paralela á praia) que, seguramente, resultará algo máis pesada para os corredores pola cantidade de lama que ten”. En canto ao número de corredores/as que
poderían tomar parte no evento, o representante da delegación de Ferrol da FGA, Paulino Cartelle, afirmou que “a participación estimada ronda os 300 corredores/as”. Entre os/as atletas que
transmitiron o seu desexo de participar na proba, salientan nomes como Hassan Lekhili, Akka Essadaoui, José Luis Bouza, Rafa Fuentes, José González Bañobre ou as atletas Esther Pedrosa e Soledad
Castro.