Impresionante cartel para o Meeting internacional de lanzamentos en Cerveira.

O domingo día 11 celebrarase en Vila Nova de Cerveira o VI Torneio Internacional de Lançamentos-Taça Vila dás Artes, coa presenza de moitos dos mellores especialistas de España e Portugal. Confirmaron, entre outros, Frank Casañas, Javier Cienfuegos, Isaac Vicente, Borja Barbeito, Manuel Uriz, Lidia Parada, Eva Costas, Víctor Gallego, Pablo Denís e os portugueses Antonio Silva, Dario Manso, Vania Silva, Juliana Pereira, Daniela Paço, ademais de Mafuta Maqueta, récord de Angola en martelo. A eles súmanse moitos lanzadores de todas as categorías que conforman os distintos agrupamentos.
A cita ofrece un novidoso formato de competición por equipos representando ás respectivas cidades, con número ilimitado de compoñentes, dos cales puntúan os seis mellores, tres homes e tres mulleres. De Galicia estarán Vigo, Pontevedra, A Coruña, ou Barco, A Pobra e O Morrazo. Leiría, Braga, Póvoa de Varzim, Oliveira e Campos serán as lusas. Simbolicamente, Valença, como cidade fronteiriza, presenta un grupo ao 50% de cada país e fórmanse outros baixo o nome de “Cuba” e “estranxeiros”.
O nivel competitivo está garantido, e sumado á comida campestre ofrecida pola organización e as boas experiencias de anos anteriores, a cita atrae cada vez a máis participantes. Da man de Jorge Rodrigues, artífice do éxito, mediante contacto persoal con moitos dos convidados, cada ano foi gañando en calidade e prestixio. O ano pasado venceu o equipo de París, sendo Vigo segundo e O Morrazo, terceiro.

Compartir: