Soledad Castro (CSC) e Iván Docampo (SGPO) novos campións galegos de montaña

Onte disputouse na localidade de Esgos o Campionato Galego de Montaña conxuntamente ca andaina popular e Subida Rocas – O Eirado, Unha vez mais o concello de Esgos amosou toda a súa boa predisposición en acoller este importante evento que nos últimos anos vense celebrando nesta localidade. A excelente capacidade organizativa deste concello ourensán quedou acreditada unha vez máis coa disputa desta proba que prestixia ao calendario oficial das carreiras celebradas na nosa Comunidade e que se converteu, por méritos propios, nun clásico do atletismo galego.
O percorrido contaba con 13 duros quilómetros en subida. Unha carreira que enlaza a praza da casa do concello situada a cincocentos metros sobre o nivel do mar co alto do Eirado, nada menos que a 1160 metros de altitude. Sendo ás 10 horas e 30 minutos máis de 200 entusiastas deportistas comezaron o seu particular reto de subir correndo ata a meta.
O primeiro en chegar ao Mosterio foi o atleta independente Luís Calvo, non federado por Galicia, aproximadamente trinta segundos máis tarde chegaba Iván Docampo da Sociedade Gimnástica de Pontevedra proclamándose así o novo campión galego nesta tempada, e mantendo o título acadado na tempada anterior. Despois cruzou por esta zona empedrada Victor Xosé González do Comesaña Sporting Club. Tras eles un goteo de atletas. O esforzo da carreira reflectíase no rostro dos corredores que non desaproveitaron a oportunidade de inxerir a auga ofrecida pola organización. A primeira muller por este paso foi a incombustible Soledad Castro, campiona galega, que enriqueceu así o seu amplísimo curriculum con o titulo de campioa galega de montaña que aínda non acadara, na segunda posición rematou Iria Fernández do Ourense Atletismo.

Compartir: