Meeting Internacional de lanzamientos_Frank Casañas, 4ª marca mundial do ano. Isaac Vicente consegue por fin os 70 metros. Por equipos, Vigo segundo e O Morrazo, terceiro

Intensa xornada atlética a vivida en Cerveira, co V Meeting Internacional de Lançamentos, que contou coa presenza de quince equipos: catro franceses, catro galegos (Vigo, O Morrazo, Pontevedra 1 e 2) e sete de Portugal, con moi bos resultados por parte dos nosos representantes máis directos, xa que a formación de Vigo se clasificou en segundo lugar con 4612 puntos, só superado por France 2, de París, con 4834. O título honorífico de “equipo revelación” recaeu sobre o grupo de Anxo Serantes, Lanzadores do Morrazo, erguidos ao terceiro posto, cunha puntuación de 4466.
Nesta ocasión, ninguén faltou á cita, reuníndose un nutrido grupo de atletas con proxección de todas as categorías, habituais dos campionatos nacionais, e mesmo internacionais: Frank Casañas, Isaac Vicente, Víctor Gallego, Pablo Denís, Pablo Castro, Eva Costas, Sara Arosa, David Gómez, Luís González, David Fernández Lemos, Jesús Crossa, Sergio Paredes, Raquel Villa, Fernando Paredes, Anna Izquierdo, Angeles Filgueira, Carlos Revuelta, Noelia Ferradanes, Elena Estévez, Ana Revuelta, Lidia Fernández, Gonzalo Brotóns, Óscar Broullón ou Víctor Pérez…son algúns dos nomes.
Ao longo do domingo fóronse disputando todas as modalidades de lanzamento, pero o máis emocionante chegou pola tarde, co martelo absoluto, disciplina que en Portugal adoita ser a de máis nivel, ao igual que en Vigo. Isaac Vicente buscaba os ansiados 70 metros, e conseguiunos no medio dunha serie salientable: 68.05- 69.56- 69.71- 70.19- 69.82-67.96, encirrado polo portugués Darío Manso, que se lle achegou con 68. 45m.
Como broche de ouro da xornada, a proba de disco, con Frank Casañas dominando dende o inicio por enriba dos 60 metros, pero non de todo satisfeito. Novamente a presión dos rivais, en especial do atleta francés do combinado de París, Djouhan Colasson, tamén roldando os sesenta (60.61 m), provocou a súa reacción, mandando o disco de 2 kg a 65.38 m, que supón colocarse no cuarto posto do ránking mundial do ano. Destacou tamén nesta proba o ximnástico Víctor Gallego, con 54.61 m.
Sobresaínte tamén para a organización e a Associaçao de atletismo de Viana do Castelo no desenvolvemento das probas e na atención a todos os participantes durante os dous días de estanza e competición, como de costume

Compartir: