O Parque do Miradoiro do Couso en Riveira acolleu o Campionato Galego de Cross júnior, promesa e absoluto individual e por equipos. Tras a dureza do circuíto do Monte do Gozo, fai unha semana, hoxe os atletas tampouco lograron esquivar un circuíto duro, con chuvia e con moito vento.
Co pistoletazo de saída da proba sénior e promesa feminina, comezaba unha das carreiras a priori máis interesantes para ver o nivel das nosas fondistas. Defendía o título nesta Solange Pereira que como noutras moitas ocasións tería entre as suas principais rivais a Esther Navarrete do Atletismo Femenino Celta e á atleta promesa Leticia Fernández do Club Ria Ferrol, sen esquecernos das atletas do Yolanda Gutierrez (New Balance) ou Soledad Castro (Comesaña Sporting Club). Nos primeiros quilómetros o grupo que marca o ritmo estaría formado pola atleta do Bikila Solange Pereira, Esther Navarrete que nos 4 quilómetros do galego de Cross curto de fai unha semana demostrou encontrarse nun bo estado de forma e Leticia Fernández, que tras varias competicións en pista volvía enfrontarse ao barro e a dureza do cross. Esta atleta con problemas físicos viuse obrigada abandonar a proba deixando aberta a pelexa polo terceiro posto, entre María Jesús Gestido e Grisela Alonso que lograrían poñer metros de distancia coas súas perseguidoras, Agueda Blanco e Yolanda Gutiérrez. Na cabeza Solange incrementa o ritmo cedendo Esther Navarrete uns metros, a atleta do atletismo Bikila a medida que pasan os quilómetros ve máis preto revalidar o seu título de Campioa Galega, como así sería avantaxando en máis de 15 segundos á subcampiona Galega Esther Navarrete e de María Jesús Gestido. A regularidade dos suas atletas deulle un novo título ás mulleres do Comesaña Sporting Club. En canto á categoría promesa a primeira atleta en cruzar a liña de meta foi Grisela Alonso do Club Afflelou Narón, nunha moi boa carreira pelexando polo bronce da xeral ata o final da proba.
O quentamento facíase complicado para os atletas debido ás condicións metereolóxicas pero parecía que as gañas de ver de novo cara a cara a Manuel Penas, Alejandro Fernández ou Pedro Nimo podían co
ambiente reinante no Parque do Miradoiro do Couto. En liña de saída destacados atletas do fondo galego como os irmáns De La Torre, Alejandro Gómez, Victor Riobó ou Hassan Lekhili. Entre os atletas
promesas destacar ao triatleta internacional Uxio Abuin que acostuma a competir en campo a través como preparación das súas competicións de triatlón. Dende o primeiro metro o compostelán Pedro Nimo
toma vantaxe sobre o resto de atletas índose con enorme facilidade e cunha seguridade que sorprende o público asistente. O atleta do Atletismo Bikila, co maratón de Coruña como obxectivo
prioritario da tempada, xa demostrou en Santiago sobre catro quilómetros que a pesar dos seus problemas físicos o campo a través é unha disciplina na que hoxe en día poucos atletas poden
disputarlle a vitoria. O ano pasado o Campionato Galego decidíase nun man a man entre Manuel Penas e o propio Pedro Nimo pero nesta ocasión non quixo esperar aos últimos quilómetros e realizou toda
a proba en solitario. Por detrás eran os homes do New Balance, Alejandro Fernández e Manuel Penas que poñían metros de distancia sobre o cuarto atleta, o combativo Rubén Diz da Sociedad Gimnástica
de Pontevedra. No seguinte grupo de atletas homes importantes como Victor Riobó especialista en 1500 metros lisos, Hassan LeKhili bronce o ano pasado, Alejandro Gómez ou Juan Pena Holguín. O
circuíto nalgunhas zonas encontrábase impracticable e o vento dificultaba a proba ao gran número de atletas que se enfrontaban aos preto de 11 quilómetros dos que constaba esta. Pedro Nimo en
ningún momento viu perigar o seu primeiro posto e a súa facilidade para moverse no barro era aplaudida polo numeroso público, por detrás un sensacional duelo entre Manuel Penas e Alejandro
Fernández que finalmente a falta dun quilómetro se decidiría a favor do arzuano, Manuel Penas, que lograba unha lixeira vantaxe. En cuarto lugar Rubén Diz que 13 anos despois volve estar entre os
mellores corredores de cross en Galicia e por último o quinto posto sería o máis disputado sendo o atleta do Coruña Comarca Juan Pena quen se impoñería a Victor Riobó e Hassan Lekhili. En categoría
promesa como se prevía Uxio Abuin impoñeríase entrando en meta entre os dez primeiros da xeral. Por equipos sen dúbida os homes máis fortes serían os do New Balance que en todo momento estiveron
nos postos de cabeza.
Resultados Podium
A primeira hora celebráronse as probas de categorías inferiores do Cross Concello de Riveira, para a continuación ás 11.10 dar a saída á primeira proba do Campionato Galego, a carreira das atletas
juniors mulleres sobre unha distancia de aproximadamente cinco quilómetros. Entre as favoritas á vitoria encontrábanse as atletas da Sociedade Atlética Val Miñor comandadas por Jenny Fernández,
atleta de Nigrán que deu os seus primeiros pasos no atletismo no Club San Miguel de Oia e que en decembro do 2012 participaba coa selección española no Europeo Júnior de campo a través. Nesta
ocasión dende o iniciou impuxo un ritmo forte que non puido ser seguido por ningunha das atletas en competición, a discípula de Alfonso Ortega demostrou que se manexa con superioridade no cross nun
circuíto con moitas curvas e no que o vento dificultou a disputa deste. Por detrás os postos parecían un pouco máis disputados, xa que varias atletas se enfrontaban por lograr a medalla de prata e
de bronce, finalmente sería Camila Alonso do Club Afflelou Narón, que xa fose subcampiona a tempada pasada, e Eva Cid da Sociedad Atlética Val Miñor as que por esa orde entrarían en meta. Por
equipos as vencedoras serían as atletas do Val Miñor que lograron o primeiro, terceiro e cuarto posto.
En canto á proba dos juniors masculino a vitoria a priori non parecia doada de predicir, xa que homes importantes nos últimos anos viñan de recuperarse de problemas físicos como é o caso de Gonzalo
Basconcelo ou Sergio Piñón. No caso de Gonzalo, atleta internacional medalla de ouro na proba de 2000 metros obstáculos no Festival Olímpico da Xuventude Europea en agosto do 2011, tras unha
tempada complicada polas lesións, pouco a pouco parece recuperar o nivel que atesoura. No primeiro quilómetro fórmase un grupo numeroso de atletas que parecen dubidar en canto ao ritmo a impoñer,
serían os atletas Enrique Martínez do Comesaña Sporting Club e Tomas Ocaña do Real Club Celta os que deciden aumentar o ritmo, formándose un grupo de seis atletas descolgándose da cabeza homes
importantes como Dario Soto ou Sergio Piñón. A falta dunha volta catro homes aguantaban nos primeiros postos, Enrique Martínez, Tomás Ocaña, Olaf Araujo do Club Coruña Comarca e David Santos do
Real Club Celta. Este último demostraría que nesta mañá do domingo, a pesar das condicións, era o home máis forte proclamándose Campión Galego, tras o subcampionato que lograra o ano pasado en
Santiago por detrás de Carlos Porto, en segundo lugar entraría o seu compañeiro de equipo Tomás Ocaña e terceiro Enrique Martínez en dura pugna polo bronce con Olaf Araujo. Por equipos gran
carreira dos homes do Real Club Celta que renovan o título logrado a tempada pasada.