Intensa xornada de reunión da Xunta Directiva e Comisión Delegada

Na tarde de onte celebrouse nunha sala da Casa do Deporte de Vigo unha nova xuntanza da Xunta Directiva e Comisión Delegada da FGA. A reunión que se iniciu ás 17:30 horas rematou ás 22:15 horas tras abordar importantes temas do orde do día. Houbo unha gran participación, representantes de clubes, adestradores, xuíces e atletas aprobaron por unanimidade os novos orzamentos, tras sufrir cambios por mor dos recortes nas distintas administracións, tamén aprobaron o calendario de competicións, numerosas sedes dos principais campionatos galegos que foron solicitados por clubes e concellos, así como diferentes normativas, entre as que cabe salientar un modelo de convenio para organizadores de carreiras populares e campionatos galegos. Pola súa parte, o presidente realizou un exhaustivo informe con todas as xestións feitas ao longo da tempada, así como un resumo atlético da federación que sen dúbida algunha é dos mais brillantes do últimos anos, o que indica a boa traxectoria xestora e o bo traballo desenvolto de tódolos estamentos atléticos. A data da vindeira xunta directiva fixouse para o mes de decembro coincidindo ca celebración da Asemblea Xeral. A FGA desexa agradecer públicamente o esforzo na participación nestas xuntanzas de todos os representantes que se achegaron ata Vigo no día de onte, reflexando así o seu fiel compromiso da representanción de todo o atletismo galego.

Compartir: