Resultados

XXXIX Trofeo Boa Vila-2 º Xornada XXV Trofeo Supermercados Froiz:

Na 39 edición do Trofeo Boa Vila celebrado en Pontevedra, organizado pola Sociedade Gimnástica de Pontevedra, os atletas Carlos Porto e Leticia Fernández lograron os premios ás mellores marcas, trofeos que lles foron entregados por Ramón Touza, presidente do Club. Resultados (ir a noticia completa)

Aproximadamente 150 atletas de diferentes categorías déronse cita nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A partir das 17.00 da tarde iniciouse a xornada coas probas de disco e salto con pértega homes e mulleres así como os 400 metros valos categoría masculina. O vencedor desta proba seria Pablo Lourido cunha marca de 57.68. Na carreira feminina a vencedora sería Esperanza Caldas do Ria Ferrol que dende os primeiros valos colocaríase o fronte da proba, o seu rexistro foi de 1.07.45. Nos 100 m.l numerosa participación realizándose 7 series, 4 na proba masculina e 3 na feminina, as mellores marcas foron para Javier Fidalgo con 11.41 e Aida Amoedo con 13.10. Destacamos ao atleta cadete Dario Costas, do Club Atletismo Morrazo, que na primeira das series dos 100 m.l con 11.82 lograba a mínima para o Campionato de España.

Unha das mellores carreiras da tarde foron os 800 m.l femininos nos que Leticia Fernández dende o pistoletazo de saída impuxo un ritmo forte que ningunha das suass rivais puido seguir, o paso do 400 en 1.04 demostraba a ambición da atleta do Club Ourense Academia Postal, que a pesar do vento na contrameta, logrou un bo rexistro de 2.12.36, en segundo lugar entraría Sandra Mosquera.

Os 150 metros lisos corréronse con vento que invalidaría as marcas conseguidas na proba feminina, na que venceu Claudia Torres do Club Atletismo Cuntis. Por outro lado con vento en contra de -2.6 realizaríase a carreira masculina na que venceu Jaime Arias con 22.72. Nos 600 m.l carreira en solitario do atleta do Club San Narciso Alfonso Pérez que vencía cunha marca de 1.28.26 que supón unha nova mínima para o Campionato de España. Nos 300 m.l femininos a mellor marca das dúas series foi para Laura Chapela con 44.42 por diante de Lia Lois que realizou unha marca de 44.67.

Nas dúas probas de 1000 m.l víronse marcas interesantes dos nosos atletas máis novos, realizáronse dúas series con atletas das categorías alevín, infantil e cadete. En primeiro lugar saíron as mulleres na que a vencedora foi Angela Fernández con 3.16.15, vencendo con autoridade a atleta cadete do Club Atletismo Cuntis. Na proba masculina impúxose un ritmo forte dende o inicio, comandando esta os atletas da Sociedade Gimnástica de Pontevedra e o San Narciso. O vencedor con 2.50.67 sería Jorge Puig, seguido de Paulo Villegas con 2.50.92 e terceiro o atleta infantil Lorenzo González con 2.52.87.

Os 1500 m.l masculinos eran outro dos pratos fortes da xornada dada a gran participación de atletas. Realizáronse dúas series, na primeira viviuse un duelo entre Carlos Porto e Gustavo Nieves, este levou o peso da carreira na primeira parte para finalmente disputar un sprint axustado co atleta júnior do Real Club Celta, a vitoria foi para Carlos Porto con 3.57.56 e Gustavo Nieves segundo con 3.57.78.

Nos 3000 obstáculos unha única atleta disputou a mesma, Guadalupe Lodeiro que fixo unha marca de 12.29.01.

Nos lanzamentos os dous atletas xuvenís, Martin Liste e Pablo Castro disputáronse a vitoria no disco, vencendo o primeiro con 45.80. Na proba feminina a gañadora foi Lidia Fernández con 37.61. Na xavelina o gañador con 50.94 seria Carlos Cerviño.

En canto os saltos, en triplo feminino Tania Valverde impoñeríase con 11.21. Na pértega Lara Carregal con 2.25 seria a vencedora por diante de catro atletas infantís do Club San Narciso. Na proba masculina o atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, Tomás Almón lograba franquear o listón situado en 3.40.

A xornada rematou coa proba dos 4x 100 femininos nos que se puido ver unha boa carreira entre os tres equipos do Atletismo Vila de Cangas, un da Sociedade Gimástica de Pontevedra e outro do Atletismo Morrazo. As vencedoras con 53.13 foron as atletas cadetes do Club Atletismo Vila de Cangas, equipo formado por Alexia Vidal, Sara Villar, Noa Rouco e Noelia Graña.

Compartir: