Resultados

Pedro Nimo, cruza a meta no posto 22 no Maratón de París

O santiagués Pedro Nimo non puido onte co vento parisiense e, aínda que rematou o maratón da capital francesa cunha marca nada desprezable de 2:14.12, a nada da mínima olímpica -fixada en 2:14- pero lonxe dos 2:11 aos que apuntaba de saída e que lle abrirían o camiño cara aos Xogos Olímpicos de Londres
Agora, o atleta do Bikila queda cos 2:13.34 do pasado ano en Berlín, que non serán suficiente para ocupar unha das dúas prazas que quedaba vacante ao ter xa asegurada a súa presenza como campión de España Carles Castillejo.
Antes de onte, Nimo xa tiña por diante a José Carlos Hernández, que correu en 2:11.57 o maratón de Barcelona hai un mes. E onte mesmo, Nacho Cáceres -ao que o propio santiagués metía nas quinielas como un dos favoritos a estar en Londres- lograba parar o reloxo en 2:11.58, a súa mellor marca persoal, tendo como lebre o propio Castillejo. Ademais, a final de mes, en Hamburgo aínda buscarán apurar as súas opcións Pablo Villalobos -que fixo a mínima o ano pasado cos seus 2:12.21 en Sevilla- e Chema Martínez -que se retirou este ano en Barcelona-. Tamén onte, quedaron sen mínima Iván Galán, que se retirou en Viena, e Miguel Ángel Gamonal foise ata os 2:15.52.
Nimo chegaba a París no que el mesmo cualificaba como mellor momento de forma da súa vida. Coa mente posta nos 2:11, quixo ter como lebre o outro fondista galego de referencia, Lolo Penas, que exerceu o seu labor ata a media maratón. Non obstante, as condicións de frío e vento, que mesmo o día anterior o fixeran formularse non saír e esperar a Hamburgo, impedíronlle render ao nivel que el esperaba. Resultados

Compartir: