Resultados

O Concello poñerá en marcha un dispositivo especial para o maratón

O Concello da Coruña poñerá en marcha o próximo domingo no I Maratón A Coruña42, o único homologado de Galicia e no que se inscribiron 1.263 atletas, un dispositivo especial para velar pola saúde dos participantes.Seis médicos, cinco enfermeiros e doce técnicos de emerxencias sanitarias velarán pola saúde dos competidores
O responsable municipal de deportes, Francisco Mourelo, explicou que 92 voluntarios “se encargarán de apoiar aos profesionais do Servizo Municipal de Deportes, da Federación Galega de Atletismo, de Sanitas, da Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella”.
“Xa mantivemos unha primeira reunión cos voluntarios para explicarlles os protocolos de actuación en carreiras tan específicas e singulares como o maratón e, ademais, o próximo venres, os médicos cardiólogos voluntarios impartirán un curso de primeiras auxilios e manobras básicas de reanimación”, informou o concelleiro.
Seis médicos, cinco enfermeiros e doce técnicos de emerxencias sanitarias velarán pola saúde dos competidores, haberá dous hospitais de campaña, unha enfermaría de Protección Civil, tres desfibrilador externos automáticos, tres motos, oito ambulancias e un vehículo de intervención rápida.
Todas as unidades levarán raio transmisores e teléfonos móbiles para informar puntualmente de como transcorre a carreira e atender así aos atletas de calquera problema de saúde que puidese producirse.
Na liña de meta, tamén se habilitarán dúas carpas, onde os colexios oficiais de Fisioterapeutas e de Podólogos tratarán os atletas que así o desexen.
O Concello coruñés inclúe a asistencia nos puntos de avituallamento e reforzaranse os servizos de Policía Local, de Protección Civil e de Extinción de Incendios.
Os policías cortarán ao tráfico, a partir das 08:00 horas, as rúas polas que discorrerá a proba, que está homologada, polo que as marcas que se obteñan son válidas para poder estar nos Xogos Olímpicos.
“É unha competición de primeira categoría, o único maratón homologado en Galicia, e o Concello preparou un dispositivo especial para que tanto atletas coma público en xeral poidan gozar o domingo dunha xornada de deporte na rúa”, destacou o concelleiro de deportes do concello coruñés

Compartir: