Os mellores especialistas de lanzamentos longos
participarán este sábado no II Campionato de España de inverno, no que ademais das medallas buscarán unha praza coa selección española para a Copa europea de lanzamentos que se disputa en Bar
(Montenegro) os días 17 e 18.
Entre os inscritos, varios representantes do atletismo galego, con opcións a podio. As probas nas que achegamos maior cantidade e calidade son, como é habitual, o martelo e a xavelina
masculinos.
Os discípulos de José Manuel Hermida acoden novamente a esta convocatoria. Isaac Vicente buscará superar os case 68 m da pasada edición, e que foron o preludio dunha tempada que culminou superando
a barreira dos 70 m e proclamándose campión de España. O seu compañeiro de filas, Pablo Denís, en bo estado de forma, figura coa terceira mellor marca dos inscritos. Outro vigués, aínda que con
ficha por Castela-León, Cristóbal Almudí, tomará parte neste concurso. En martelo estará a única representante feminina galega. A céltico Sara Arosa estréase nesta competición, buscando mellorar a
súa marca. Comparte proba coas dúas atletas que están chamadas a protagonizar o duelo máis interesante, Berta Castells e Laura Redondo.
A metade dos lanzadores de xavelina chegarán dende Galicia. Forman parte da elite nacional e pelexarán por marcas e postos. Gustavo Dacal, José Manuel Vila, os discípulos de Raimundo Fernández,
Manuel Uriz e Borja Barbeito, dúbida por lesión, aos que hai que sumar ao mexicano Jose Lagunes e o canario Jesus Crossa que comparten adestramento con Gustavo Dacal en Pontevedra, baixo a
dirección técnica de Javier López Viñas.
En lanzamento de disco un único representante, Víctor Gallego, inscrito coa segunda mellor marca e con opcións de medalla. O atleta da Ximnástica de Pontevedra retoma a súa especialidade tras bater
o récord galego de peso baixo teito. Mais información