Constituise a Confederación de Unións de Federacións Autonómicas Españolas

Hoxe, 22 de xuño de 2015, tivo lugar a constitución da CUFADE, Confederación de Unións de Federacións Autonómicas Españolas. As Unións de Federacións Deportivas de seis Comunidades Autónomas, reuníronse en Madrid, co obxecto de constituír de forma fidedigna a CONFEDERACIÓN DE UNIÓNS DE FEDERACIÓNS AUTONÓMICAS ESPAÑOLAS, a CUFADE. Constituíuse ante Notario nas instalacións do Club de Golf El Olivar de la Hinojosa, e ante a Xunta Directiva de UFEDEMA, a Unión de Federacións Deportivas Madrileñas, que exerceron de anfitrión na firma. Estiveron presentes Galicia, País Vasco, Madrid, Murcia, Castela e León e Andalucía. En última instancia non puido comparecer Aragón, se ben, xunto a Valencia, formalizarán a súa integración á maior brevidade posible.

As últimas novidades lexislativas e procedementais tocaron profunda e negativamente, as estruturas do deporte desenvolvido no seo das Federacións Deportivas Autonómicas, é dicir, no deporte de base. A licenza única, as relacións laborais de deportistas e monitores nas entidades de base e as reformas fiscais entre outras medidas, provocaron que, dende o pasado ano, as Federacións Deportivas Autonómicas estivesen a reunirse con asiduidade para sopesar esas novidades, e paliar na medida do posible as súas consecuencias.
Un dos acordos alcanzados foi a constitución desta Asociación, co obxecto de lexitimar unha entidade que represente e sexa voceiro das Federacións Deportivas Autonómicas ante a Administración central. É necesario defender o deporte de base cunha única voz, e que estea presente nas futuras reformas que se propoñan.
A Xunta Directiva quedou constituída do seguinte xeito: presidente Alfonso Escribano (Andalucía), vicepresidente Isidoro Hornillos (Galicia), secretario Javier Zurriarain (País Vasco), tesoureiro Gerardo García (Castela e León) e vogal José María López (Murcia). Nos próximos días trazaranse as directrices que marcarán o rumbo da CUFADE nestes primeiros meses.

Compartir: