Resultados

Javier Alvarez Salgado, novo delegado en Vigo

Onte produciuse o relevo na Delegación viguesa de atletismo. Tras case 20 meses de actividade, Jesús Martínez deixa o cargo, por motivos laborais e o presidente da FGA, Isidoro Hornillos procedeu a nomear a Javier Álvarez Salgado, vixente vicepresidente da Federación galega dende comezos deste ano. O acto iniciouse co recoñecemento do presidente ao labor de Martínez, ao que entregou unha placa conmemorativa. Seguiron as intervencións do Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manuel Fernández e o delegado provincial da Xunta, Daniel Benavides. O estamento de xuíces tamén quixo mostrar o seu agradecemento a Jesús Martínez, polo trato e apoio recibido. A mellora da pista concentrou tamén gran parte das peticións dos asistentes.
Álvarez Salgado goza de recoñecido prestixio como atleta, con tres finais olímpicas, en México e Múnich, 45 internacionalidades e numerosos títulos. Foi ademais concelleiro de deportes do Concello de Vigo entre os anos 1983 a 1995, e nos últimos anos veu apoiando e organizando varias probas de pedestrismo na cidade. Gran coñecedor do mundo atlético, achega unha recoñecida capacidade de diálogo e a súa boa relación con clubs e Concello, ademais de moita ilusión en realizar este labor de modo satisfactorio.
Nas súas declaracións, Salgado remarca que un home do atletismo, e non podía rexeitar o requirimento de Hornillos para afrontar esta tarefa”. Pensa, ademais “queimar as súas naves e loitar pola mellora das instalacións”, tema que considera o seu obxectivo prioritario. Hai que resaltar, que con Álvarez Salgado como máximo expoñente do atletismo en Vigo se conseguiu a actual pista, evitando que se construíse en Cotogrande; e que na súa época como concelleiro logrou o uso da recta baixo a bancada de Río para a práctica atlética, que agora intentará recuperar.
Parece que Salgado será unha vez máis o home capaz de xestionar e reflotar o atletismo vigués, un home de consenso e realidades. Onte, todos os representantes das administracións parecían ter moi boa disposición para que así sexa.

Compartir: