Solange Pereira e Alejandro Fern�ndez vencen na Milla do Barco

Solange Pereira (Bikila) e Alejandro Fernández (New Balance) gañaron a edición XXVII da Milla urbana do Barco disputada o domingo pasado. Cunha lista de saída repleta de nomes destacados do panorama nacional, quizais a máis prestixiosa dos últimos anos, a carreira ofreceu emoción e bo nivel, nun momento da tempada que para uns supón o broche final e para outros, comezar a posta a punto.
É o caso de Solange Pereira, que en plena pretempada segue anotándose triunfos. Nunha carreira con bo ritmo, optou por dar o tirón na última volta, descolgándose do grupo. O seu tempo foi de 5.02, seguida por Nuria Lugueros (CA Valladolid) e Blanca Fernández (S. At León), ambas as dúas con 5.07, e Leticia Fernández (RÍA) que entrou, cuarta, con 5.08. Por detrás, completaban Yuliana Velasquez (Ría), Elian Périz (Valencia TyM), Eva Arias (VTyM), Jenny Fernández Massó (Val Miñor), e Paula González (Piélagos) entre outras.
En canto a Alejandro Fernández, demostrou que se encontra nun excelente estado de forma, apurando aínda o final de tempada e preparando os 10 km de Ribadesella do día 21. A proba masculina foi máis disputada e decidiuse no último momento. Tras o atleta de New Balance, cun tempo de 4.24, entraron, Víctor García del Playas de Castelló, con 4.27 e Lolo Penas (New Balance), 4.28, por diante de Rober Aláiz (U.Oviedo), 4.29.
A próxima cita para moitos deles será o próximo domingo na Milla de Burgos.

Compartir: