Resultados

XXVI Trofeo Reconquista de Vigo

A meteorología respectou o inicio de tempada ao aire libre durante a disputa do XXVI Trofeo Reconquista esta mañá nas pistas de atletismo de Balaídos. Cunha afluencia importante, mermada pola coincidencia en pleno fin de semana vacacional, realizáronse marcas interesantes, pero aínda lonxe dos registros esperados.

A velocidade foi protagonista destacada, cos pupilos de Virgilio G. Barbeitos ocupando os primeiros postos. Nos 100 metros, Virginia Villar (Piélagos), correu en 12.85, o que a sitúa no 4º lugar do ránking nacional. Javier Fidalgo (RCCV), con 11.34, ocupa o terceiro a estas alturas da recentemente iniciada tempada. En 400m, demostración de superioridade por parte do atleta junior David Abalde, con 50.67, que entrou por diante de Ismael Costas (RCCV), 51.43 e David González (A.Narón), 51.45. Os 400m femininos foron para a atleta do Vila de Cangas, Aida Amoedo, 1.00.20.

Poucas sorpresas en 3000m. Jenny Fernández Massó (Val Miñor), flamante campioa junior de España da distancia, gañou con 10.36.23, lonxe do seu mellor rexistro, seguida por Iria Rodríguez Hortas (At Porriño) con 10.41.44. Na carreira masculina, impúxose Ekka Essaadaoui (Comesaña SC), cun tempo de 8.48.40 por diante de Gonzalo Basconcelo (RCCV), 8.49.48.

Nesta ocasión, discreto nivel de marcas nos concursos, que non contaron coa participación de figuras destacadas, en parte debido a que as persistentes choivas das últimas semanas prexudican ás probas técnicas, ao carecer de lugar adecuado para os adestramentos. O máis reseñable, o martillo feminino, cos 45.93m de Sara Arosa(At. F Celta) e o triunfo en martillo xuvenil de Sergio Paredes (ADAS), que lanzou 54.50 metros. Resultados

Compartir: