Tres medallas, dous récords e sete finalistas, ademais de moitas marcas
persoais, é o balance final tras a disputa do Campionato de España xuvenil en pista cuberta. Dúas ducias de atletas galegos desprazáronse a Antequera, nunha expedición
máis numerosa que noutras ocasións, e que deixou unha sensación de futuro por vir. O trazo novidoso era a cantidade de atletas inscritos en probas de velocidade, aínda que as medallas chegaron dos
habituais concursos e o fondo.
A primeira, a cargo de Pablo Castro (Vila de Cangas), que superando o seu recente récord galego, lanzou o peso de 5 kg a 16.68 m, o que lle
valeu o título de subcampión. Tamén prata para Saleta Fernández (A Gándara), que saltou 1.66 m, igualando a primeira clasificada. O bronce
foi para Uxía Pérez, do At.Tui, en 3000 m, cun tempo de 10.15.11, que supón marca persoal.
Os velocistas demostraron que veñen con forza, superando dúas mellores marcas galegas. Laura Chapela
(At Morrazo) fíxoo cos 200 m, correndo a súa semifinal en 25.85, que anula o tempo de Lidia Remuiñán de 2005. Alfonso
Pérez (S. Narciso) liquidou outro máis lonxevo, os 400 m do 95 de Antonio Flórez, con 51.52.
En postos de finalista, destacar os cinco atletas ás portas do podio. Cuarto posto para Carmela Cardama (Comesaña SC) en 3000 m, Miguel Otero (Celta) en 1500 m, Claudia Rojo (Ría Ferrol) en pentatlón, Raquel Villa (Vina C.) en peso e Laura Chapela en 200 m. Quinta foi
Ángela González (CSC) en 800 m e sexto Anxo Blanco en triplo.
E non menos importante, a progresión en competición de todos eles, xa que melloraron as súas marcas persoais: Martín Liste, 60 m;
Darío Costas, 60 m; Francisco Rodríguez, 60 m e 200 m; Iago Núñez, 200 m e 60mv;
Pedro Árias, 200 m; Laura Lamas, 200 m; Laura Chapela, 60 m e 200 m; Eugenia Gil,
400 m; Laura Rosende, 400 m; Ángela González, 800 m; Miguel Otero, 1500 m; Jorge
Puig, 1500 m, Uxía Pérez, 3000 m e Claudia Rojo, pentatlón, 800 m, 60 m valos e altura.
Fotos: Flor Currás