No Pazo dos Deportes de Riazor celebrouse o Campionato Galego Xuvenil e Júnior xunto cos 3000 m.l do Campionato Galego Absoluto e Promesa. Boa participación dos atletas da categoría xuvenil e
escasa, a pesar de atletas de gran nivel, na categoría júnior.
Como é habitual a xornada iniciábase coas probas de velocidade e a lonxitude masculina. Non houbo tempo para tomarse un respiro xa que a primeira hora víase na pista a Ana Peleteiro, campioa do
mundo júnior de triplo salto. Nesta ocasión competía na proba dos 50 metros lisos onde en semifinais demostrou que encontrase nun bo estado de forma facendo un rexistro de 6.74, non obstante seria
na segunda carreira da mañá onde a pesar de correr sen oposición lograba uns sensacionais 6.66, moi preto do record galego da categoría en posesión de Lidia Remuiñan dende o ano 2008. Demostra así,
Ana Peleteiro que nos inicios da tempada atopase nun gran nivel que previsiblemente a volverán a converter na gran protagonista do triplo salto a nivel nacional e internacional. A atleta pobrense
non foi a única que logrou rexistros importantes no transcurso deste campionato, a atleta do Club Playas de Castellón Belén Toimil cun mellor lanzamento de 14.93 lograba marca da tempada e aomesmo
tempo vai afinando a súa posta a punto de cara ao Campionato de España Júnior que disputarase en Antequera o 16 de Marzo. A atleta do Ria Ferrol, Claudia Rojo continua progresando na súa carreira
deportiva sumando medallas en Campionatos Galegos e Nacionais e demostrando como o fixo no día de onte a súa versatilidade, vencendo nos 400 m.l, na lonxitude e no 50 valos en categoría xuvenil.
Nos 400 metros lisos tras vencer na súa semifinal con comodidade enfrontábase na final con atletas con marcas similares como son Eugenia Gil e Laura Rosende, non obstante Claudia correu controlando
a proba para ponerse na cabeza a falta de 100 metros gañando con 1.01.14. Na lonxitude o seu mellor salto foi de 5.31 e nos valos a punto estivo de lograr a súa mellor marca da tempada, gañou con
7.91.
A mellor velocista en categoría xuvenil foi Laura Chapela que impoñíase nos 50 metros lisos e 200 metros lisos, nesta proba cunha marca destacada tendo en conta a dificultade que leva consigo
correr na pista de Riazor, a atleta do Club Atletismo Morrazo lograba parar o cronometro en 26,57,mentres que nos 50 metros lisos con 6.86 tamén lograba unha marca importante, mellorando os 6.92
que acreditara en xaneiro. Nos 200 metros lisos da categoría júnior a vencedora seria Aida Amoedo do Atletismo Vila de Cangas que tamén lograba con 1.01.00 a vitoria nos 400 metros lisos.
Nas carreiras de medio fondo as protagonistas foron nalgúns casos as mesmas atletas, nos 800 metros lisos xuvenil vimos unha proba disputada, en especial os 500 primeiros metros entre Uxía Pérez e
Ángela González caendo a vitoria do lado da atleta do Comesaña Sporting Club que despois de correr toda a proba á par de Uxia lograba a falta de dúas voltas unha pequeña vantaxe que lle permitía
vencer cun tempo de 2.22.64. Nos 1500 metros lisos repetirían estas dúas atletas pero por diante marcando o ritmo da proba dende o inicio foi a atleta júnior Jenny Fernández, que facendo un parón
na súa tempada de campo a través lograba vencer con 4.44 .23 sendo a Campioa Galega Xuvenil Uxia Pérez e subcampiona Ángela González
En canto aos concursos en categoría feminina, ademais de Belén Toimil destacamos a vitoria de Saleta Fernández con 1.67 en salto de altura, as vitorias en pértega xuvenil de Alicia Casanova e en
júnior de Paula Martín, as dúas medallas de Marta Lolo prata en triplo salto e ouro en lonxitude con 5.59, a vitoria cun mellor salto de 12.11 de Alba Martínez da Sociedad Gimnástica de Pontevedra
en triplo salto, sendo a mellor xuvenil Ainhoa Portos con 10.42.
En canto ás dúas carreiras de 3000 metros lisos, houbo tres claras protagonistas: Carmela Cardama, Yolanda Gutiérrez e Esther Pedrosa. Na primeira das carreiras, Carmela Cardama realizou unha proba
en solitario, dende a saída marcándose un ritmo esixente que a levou a lograr unha marca de 10.17.83, rexistro próximo ao logrado o ano pasado en Valencia. Nos 3000 metros lisos do Campionato
Galego Absoluto e Promesa escasa participación cunha atleta destacada, Yolanda Gutiérrez que defendendo ao Club New Balance Team gañaba con 10.21.88, sendo segunda a sensacional atleta veterana do
Club Universitario de Santiago Esther Pedrosa que con 10.40.51 lograba un novo record da súa categoría.
En canto ás probas masculinas en pista competindo fora de concurso o olímpico David Gómez en pértega e salto de lonxitude así como Jean Marie Okutu que lograba un bo salto de 7.62 preto dos 7.65
logrados en Valencia a finais de Xaneiro e con boas sensacións de cara ao Campionato de España.
O Campionato Galego Xuvenil e Júnior deixou resultados salientables demostrando que en categoría xuvenil temos atletas en diferentes disciplinas cunha progresión importante. Por enriba de todos
destacamos a Pablo Castro en lanzamento de peso xuvenil que batía o record galego con 16.60, o atleta do Club Atletismo Vila de Cangas colócase así segundo no ranking nacional con grandes opcións
de medalla no Campionato de España xuvenil que celebrarase a principios de marzo. As probas de velocidade foron moi disputadas destacando aos homes do Coruña Comarca Mauro Triana e Alejandro Rios
así como o vallista do Lucus Miguel Pérez. Nos 50 metros lisos vencía Mauro Triana con 6.14 mentres que en xuvenís o duelo apertado foi entre Darío Costas con 6.21 e Martin Liste con 6.22. Nos 200
metros lisos igualada a carreira ata o último metro entre Miguel Pérez e Mauro Triana gañando con 22.92 o atleta do Club Coruña Comarca por diante dos 22.93 de Miguel Pérez do Lucus Caixa Rural. En
categoría xuvenil vencía o atleta do Real Club Celta Pedro Arias. Nos 400 metros lisos marcas similares dos atletas de ambas as dúas categorías, proclamándose Campión Galego Júnior con 52.53 Juan
José del Rio do A.D.A.S e Campión Galego Xuvenil do San Narciso, Alfonso Pérez con 52.47.
En canto ás probas de 800 e 1500 metros lisos destacar a calidade e a xenerosidade no seu esforzo de dous atletas xuvenís Miguel Otero do Real Club Celta e José González do A.D.A.S. Nos 800 metros
lisos competían once atletas o que dificultou os primeiros metros, non obstante dende o inicio dous homes marcábanse esperando o ataque definitivo. A un ritmo esixente íanse descolgando atletas das
primeiras posicións para disputarse a vitoria ata o último metro entre Miguel Otero e José González, vencendo este con 1.59.88. Nos 1500 metros, que correríanse pola tarde, volvía repetirse o
guion, a falta de 500 metros é Miguel Otero quen sobe o ritmo deixando a outros atletas destacados, non obstante José González pégase a él para ao toque de campá poñerse en primeiro lugar,
vencendo a proba o tempo que sumaba un novo Campionato Galego. Na carreira júnior de 800 metros o vencedor foi Darío Soto mentres que nos 1500 metros lisos gañaría Olaf Araujo.
Outros homes destacados da xornada foron Darío Costas e Iván Rodríguez que vencían en salto de altura nas súas respectivas categorías con 1.86 e 1.89, Miguel Pérez que sen rivais destacados lograba un bo crono en 50 valos con 7.12 mentres que Iago Núñez se proclamaba Campión Galego xuvenil con 7.43. Nos saltos horizontais de novo Iván Rodríguez con 6.98 en lonxitude lograba o ouro mentres que Anxo Blanco con dous saltos de 13.54 lograba a súa mellor marca da tempada.
En canto ás carreiras de 3000 metros lisos disputáronse ata tres probas, en primeiro lugar foron os atletas xuvenís e juniors os que se enfrontaron ás 18 voltas. Dende o pistoletazo de saída o
encargado de marcar o ritmo foi Sergio Piñón do Club Afflelou Narón por detrás fondistas destacados como Ero Doce, Iván Manso ou Tomás Wondwosen. Ao paso polo primeiro quilómetro empezan a abrir
oco formando parte deste grupo de cabeza tamén Enrique Martínez e Anxo Lema. No último quilómetro Ero tira do grupo subindo o ritmo indose só con él Sergio Piñón, remata enlazando tamén Tomás
Wondwosen. Finalmente o primeiro en cruzar a meta seria o atleta xuvenil do Ria Ferrol Ero Doce nun apertado final co atleta júnior do Atletismo Vila de Cangas Tomás Wondwosen.
En canto aos 3000 metros lisos absoluto e promesa levaríanse a cabo dúas series na primeira delas co aliciente de volver ver a Victor Riobo competindo na Coruña. O atleta da Sociedade Gimnastica de
Pontevedra Ivan Docampo marcou o ritmo da proba durante os dous primeiros quilómetros pasando o primeiro 1000 en 2.56, a falta de 6 voltas só Riobo e Iván parecían poder disputarse o Campionato
Galego, con enorme facilidade poñíase VictorRiobo á fronte da proba vencendo con 8.36.69, sendo segundo e terceiro dous atletas da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, o citado Ivan Docampo e Juan
Pablo Fernández.
Rematado este Campionato Galego pódese observar que os nosos atletas van afinando de cara aos Campionatos de España Xuvenil e Júniors que se celebrarán en marzo en Antequera, algúns deles terán o próximo fin de semana unha cita importante no Campionato de España Absoluto en Sabadell.