Carreira Pedestre Popular de Noia

Con preto de 25 graos celebrouse pola tarde do sábado un de setembro a tradicional carreira pedestre Concello de Noia, nesta edición o circuíto variaba con respecto a anos anteriores na proba absoluta, na que se darían dúas voltas a un percorrido esixente con zona de costas e lastras no pavimento o que dificultou a carreira, sumado á alta temperatura que houbo á hora da mesma. Non obstante os atletas responderon a un nivel alto con varios dos mellores fondistas galegos e portugueses situados na liña de saida. Con anterioridade na Alameda celebráronse as probas dos máis pequenos, diferenciándoos por categorías, correrían primeiro os da categoría de chupete, seguidos dos pitufos e xa despois os nenos e nenas da categoría benxamín e alevín que fixeron un percorrido máis amplo con saída e chegada na alameda onde lles esperaba gran cantidade de público.

A continuación os atletas da categoría infantil, cadete e xuvenil percorreron unha distancia de 3500 metros, o favorito, vencedor da edición do ano pasado Tariku Novales non dubidou en impoñer un ritmo forte dende o principio o que lle permitiu entrar en meta cunha vantaxe importante sobre o segundo e terceiro clasificado. Recordemos que Tariku, atleta do Club Atletismo Noia é un dos atletas galegos que se proclamaron este ano coa selección galega cadete Campión de España de Campo a través e que no seu palmarés xa conta cunha medalla de bronce en pista cuberta nos 3000 metros lisos no Campionato de España. En categoría infantil o primeiro atleta clasificado foi Pablo Monteagudo que se mantivo entre os primeiros toda a carreira. Sensacional carreira tamén da atleta do club Elite Noia, Carmen Martínez que dominou a proba sendo a primeira atleta cadete, Lucía Súarez sería a primeira atleta infantil e Sara Rial a primeira categoría xuvenil.

Ás sete da tarde estaba prevista a saída da proba absoluta, o vencedor da edición do ano pasado Manuel Hurtado non se encontraba entre os inscritos, non obstante o nivel da proba foi sensacional con algúns dos mellores fondistas galegos como Alejandro Fernández, Solange Pereira, María Jesús Gestido e triatletas internacionais como Brais Canosa, Antón Ruanova e o triatleta olímpico e Campión do Mundo Iván Raña. Dende o pistoletazo de saída Alejandro Fernández, que viña de lograr o subcampionato de España de 5000 metros lisos en Pamplona, demostrou que quería e podía correr rápido, non dubidou en impoñer un ritmo forte indo en dirección o Malecón de San Lazaro e demostrando a súa calidade na zona máis dura do percorrido, a suba polo Couto. No quilómetro dous, Alejandro Fernández xa corre en solitario, por detrás dous atletas Brais Canosa e o portugués Carlos Costa, a uns metros intentan enlazar Antón Ruanova, Akka Essaadaoui e Iván Raña, por detrás deles Álvaro Prieto. En canto ás mulleres nese mesmo punto, quilómetro dous, catro mulleres distánciase, son Solange Pereira, Esther Navarrete, María Jesús Gestido e a atleta portuguesa Rafaela Almeida a uns segundos pasa o seu compatriota Filipa Almeida. A dureza da última volta faise notar e empezan os cambios de ritmo, en homes o primeiro posto parece claro pero por detrás as cousas están máis disputadas, en canto ás mulleres sensacional rendemento de Esther Navarrete pelexando con atletas de gran nivel máis experimentadas ca ela

Finalmente o primeiro atleta en entrar na Alameda, onde estaba situada a meta, foi o atleta do Ourense Academia Postal Alejandro Fernández que logrou unha vantaxe de máis de 20 segundos sobre Brais Canosa, triatleta internacional recén chegado de Francia de competir na liga regular por equipos e co obxectivo do Campionato de España de triatlón que se celebra o 9 de setembro en Pontevedra. O terceiro posto dispútano Carlos Costa e Iván Raña o sprint, sendo mais rápido o atleta portugués, a continuación entrarían Akka Essaadaoui e Antón Ruanova. En canto ás mulleres Solange Pereira, medallista nos 1500 metros lisos a finais de Agosto no Campionato de España Absoluto e cunha tempada sensacional en pista e cross, demostrou o seu bo estado de forma e a súa adaptación inmellorable ás probas de ruta entrando en meta en primeira posición, segunda sería Rafaela Almeida e terceira a gran fondista galega María Jesús Gestido que unha vez máis sobe ao podio nunha carreira de gran nivel.

Éxito de participación nesta nova edición da Carreira Pedestre de Noia na que nin sequera a calor amedrentou os atletas, 186 cruzaron a meta na proba absoluta cun recoñecemento especial ao último en facelo, o atleta de maior idade, José Neira Hermida. Resultados

Compartir: